O persoal das auxiliares de Endesa continúa coas protestas para esixir unha reunión coa dirección

Animan tamén a participar na concentración convocada para este xoves, ás 20 horas, nas Pontes
Publicado por o día 14/11/2019 na sección de CC.OO,CIG,Protestas,Sindicatos,UGT

O persoal das auxiliares de Endesa continúa coas protestas para esixir unha reunión coa dirección

Traballadores e traballadoras da industria auxiliar de Endesa continuaron este mércores co calendario de mobilizacións semanais para esixir un proceso de transición xusto que non deixe atrás a este colectivo laboral e demandar garantías de emprego. A protesta desenvolveuse na rotonda de acceso á central térmica das Pontes e nela fíxose un chamamento tamén a participar na concentración convocada para este xoves 14, ás 20 horas.

Con esta protesta queren esixir solucións concretas para a continuidade dos máis de 200 empregos que actualmente dependen das contratas, xa que a dirección de Endesa só trasladou un compromiso de manter os niveis de traballo até finais de ano. De igual xeito reclaman da eléctrica que fixe dunha vez a data da reunión que se comprometeu a manter coa representación social para informar das súas pretensións a curto prazo coas auxiliares, sobre todo no primeiro trimestre do próximo ano, e para que aclare que prazos manexa.

As concentracións diante da central térmica repetiranse todos os mércores, cando menos até que a empresa concrete esa xuntanza. Ademais, os traballadores e as traballadoras das auxiliares animaron a toda a cidadanía a participar na concentración convocada polo denominado “comité de crise” para este xoves, 14 de novembro, ás 20 horas, na Praza do Carme.

A medida de protesta estará acompañada “dun apagón xeral” nas Pontes de unha hora de duración, polo que se recomenda acudir con candeas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.