O persoal das bibliotecas municipais da Coruña convoca folga indefinida para esixir o pago dos salarios

Reclaman un compromiso de abono das nóminas por parte da empresa concesionaria e do Concello
Publicado por o día 09/05/2019 na sección de A Coruña,Galicia,Protestas,Sindicatos

O persoal das bibliotecas municipais da Coruña convoca folga indefinida para esixir o pago dos salarios

Os traballadores e as traballadoras das bibliotecas municipais da Coruña xestionadas pola empresa LTM Servizos Bibliotecarios acordaron, por unanimidade, convocar folga indefinida a partir do 20 de maio, sen non se procede ao abono inmediato dos salarios “e á asunción dun compromiso de pago en tempo e forma por parte da empresa e do Concello”.

A decisión chega no marco do proceso de municipalización do servizo das bibliotecas por parte do Concello, que o persoal da contrata segue “con fonda preocupación”. Explican que dende a data de finalización do contrato  da Administración municipal coa empresa LTM Servizos Bibliotecarios, o pasado 31 de xaneiro, “atopámonos á espera da definición da fórmula de xestión das bibliotecas das que somos traballadoras e traballadores e nunha situación, por tanto, precaria e de vulnerabilidade absoluta”.

Neste senso, engaden que a empresa ten manifestado en reiteradas ocasións a súa vontade de pór fin á vinculación co Concello, que dende xaneiro se mantén co pago contra factura mes a mes. “Levamos nesta situación tres meses sen que desde o goberno municipal se lle dea unha resolución axeitada e definitiva, co agravante neste momento do impagamento dos salarios ao conxunto de traballadoras e traballadores”.

Falta de garantías para o persoal

Dende o comité salientan o malestar polo feito de que, a menos dun mes para as eleccións municipais, o goberno estea a amosar “unha incapacidade manifesta para levar adiante de forma solvente, rigorosa e fiábel, un proceso de internalización da xestión do que fixo bandeira, e que se alongou até o día de onte, sen ofrecer en ningún momento garantías reais e prazos fiábeis para a súa resolución”.

Nos tres anos transcorridos desde o anuncio da municipalización, continúan, “foron innumerábeis os cambios de criterio, data, fórmula e metodoloxía para facer realidade esta promesa”, co conseguinte desgaste, preocupación e desacougo que viviu neste tempo todo o cadro de persoal sobre a súa realidade laboral, “á que agora sumamos os prexuízos do impagamento de nóminas”.

Con estes antecedentes “e constatando esta mesma semana a incapacidade do goberno para cumprir cos compromisos que el mesmo comunica”, como o referido á resolución do conflito económico coa empresa que permita efectuar o pago dos salarios, o comité esixe unha solución con garantías e seguridade xurídica para o conxunto do cadro de persoal “no curto, medio e longo prazo”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.