O persoal de Galicia Téxtil acordou en asembleas iniciar mobilizacións en defensa dos postos de traballo nesta empresa do téxtil, unha das máis antigas da comarca de Ferrol e unha das poucas de todo o Estado español que aínda fabrica tela. Para abordar o ERE formulado pola dirección e o futuro dos empregos, a representación social (formada por UGT e CIG) vaise reunir este venres co alcalde do Concello de Neda, ás 13:30h.
Galicia Téxtil, explica o secretario Confederal de Emprego e Industria da CIG, Fran Cartelle, formulou un despedimento colectivo para 20 das 36 persoas que actualmente traballan na factoría. Unha medida que cualifica de desproporcionado con respecto á situación da empresa, tendo en conta ademais que no ano 2019 xa se produciu un importante axuste de persoal mediante un acordo de prexubilacións.
A empresa (do Grupo Santanderina, un dos máis importantes do sector téxtil en Europa) alega causas económicas para xustificar o ERE no marco dun proceso de cambio de modelo produtivo para facer menos tecido dirixido á moda e máis tecido técnico, quedando só con 15 traballadores e traballadoras.
Medidas menos traumáticas
Neste senso, Cartelle explica que por parte da representación social transmitíuselle a empresa a necesidade de contar cun plan de futuro e propuxéronse outro tipo de medidas menos traumáticas, como unha regulación temporal, á expectativa de afianzar ese cambio de modelo e ir reincorporando o persoal nese proceso, máis tendo en conta que o cadro de persoal actual xa se considera escaso.
Xunto a sito, Cartelle sinala que a empresa non entregou as contas completas de 2020 e advirte de obxectivos máis turbios atrás desta medida de recorte, xa que a maioría do persoal que se propón para ser despedido ten unha determinada connotación sindical.
CIG e UGT poñen o acento tamén no feito de que estes despedimentos en Galicia Téxtil afondarían “na desastrosa situación laboral da comarca”, que ten levado á convocatoria de Folga Xeral en Ferrolterra, Eume e Ortegal para o 25 de febreiro.
Por iso, “de non retirarse os despedimentos de enriba da mesa, o persoal comezará a mobilizarse na vindeira semana tentando recoller o apoio das distintas institucións públicas que deben defender o tecido industrial da nosa comarca”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.