O persoal de limpeza dos colexios públicos do Concello de Vigo mobilízase polo despido dun compañeiro

Hoxe concentráronse diante da concesionaria, Mantelnor, e proximamente farano no consistorio
Por o 09/01/2019 | Sección: CIG,Galicia,Protestas,Sindicatos,Vigo
O persoal de limpeza dos colexios públicos do Concello de Vigo mobilízase polo despido dun compañeiro

O cadro de persoal de limpeza dos colexios públicos e escolas infantís do Concello de Vigo desenvolveu hoxe unha concentración na sede de Mantelnor, a empresa concesionaria do servizo, para rexeitar o despedimento dun compañeiro e reclamar a súa inmediata readmisión. As traballadoras/es volverán mobilizarse diante da compañía o próximo mercores 16, mentres que os vindeiros días 23 e 30 farano no consistorio para demandar a implicación do Goberno local.

Dende o comité de empresa de Mantelnor, presidido pola CIG, consideran que é un despido totalmente inxusto xa que se tratou dunha “medida drástica” ao non existir advertencia previa ao afectado “mediante sanción ou amoestación por escrito”.

Diante disto, a representación dos traballadores/as reclama a inmediata readmisión do despedido e instan a empresa a aplicar outra medida “menos drástica” no caso de que o considere oportuno.

Finalmente, anuncian que as mobilizacións continuarán este mes con concentracións de novo diante da sede de Mantelnor, na rúa Camelias 42, o próximo mércores 16, mentres que para os días 23 e 3o teñen pensado desenvolver protestas diante do Concello para reclamar a implicación do Goberno local.

Comentar noticia

Your email address will not be published.