O persoal de limpeza e mantemento dos contedores da Coruña irá a folga os días 8 e 12 de febreiro

Pola readmisión dunha traballadora e para esixir da UTE Atlántica a regularización dos salarios
Publicado por o día 25/01/2021 na sección de Galicia,A Coruña,Protestas,Sindicatos

O persoal de limpeza e mantemento dos contedores da Coruña irá a folga os días 8 e 12 de febreiro

Os traballadores e as traballadora da UTE Atlántica, que presta o servizo de limpeza, reparación e mantemento de contedores do Concello da Coruña, acordaron en asemblea ir á folga os días 8 e 12 de febreiro para esixir a readmisión da compañeira despedida e garantías de mantemento do emprego, tal e como se recolle no prego de condicións do contrato. A folga afectará a todas as quendas e a todo o cadro de persoal da empresa.

UTE Atlántica fíxose co servizo o pasado mes de marzo, subrogando mediante acordo a todo o cadro de persoal e establecéndose ademais un compromiso de mantemento dos empregos. Porén, o 20 de xaneiro, a UTE procedía a despedir unha traballadora da oficina (que leva máis de 32 anos traballando neste servizo) alegando causas “contrarias ao disposto no prego de condicións” e manifestando incluso a súa intención de amortizar este posto de traballo.

Este é o cuarto despedimento que executa a UTE, xa que ao longo de 2020 rescindiulle o contrato a outros tres traballadores. Para o secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, “estamos ante un claro incumprimento do disposto no prego de condicións e dos acordos de subrogación”, algo que está a xerar unha enorme intranquilidade entre os traballadores e as traballadoras.

Sinala que os argumentos empregados pola UTE poderían ser aplicados para despedir a calquera operario/a do servizo, xa que fala de axustar o contrato aos custes de prestación. “Pero cando colleu a contrata, a empresa sabía perfectamente cal era o custe do servizo, canto paga o Concello e canto persoal tiña que subrogar, polo que non pode dicir agora que hai eses desaxustes, cando no acordo de subrogación incluso se compromete a incrementar o número de traballadores/as”, subliña Filgueira.

Cambios na estrutura das nóminas

Neste senso, lembra que os traballadores e traballadoras aínda están pendentes da regularización salarial correspondente ao ano 2020, xerada a causa das diferenzas entre os salarios e bases de cotización que viñan percibindo coa anterior contrata e o que abonou UTE Atlántica ao longo do pasado ano.

Por iso, coa convocatoria de folga, ademais de reincorporación da compañeira despedida, tamén se reivindica á empresa que faga unha proposta de reestruturación salarial da nómina en consonancia coa estrutura salarial que tiña o persoal subrogado e que se acondicione o taller tal e como se comprometeu a dirección o pasado 28 de outubro.