O persoal de Vitrasa mobilizarase pola falta de respostas da empresa e do Concello ás súas demandas

Convocan concentración este venres, ás 10h, diante da casa do concello

O comité de Vitrasa ten convocada unha concentración para o próximo venres, 24 de xullo, ás 10 horas, diante do Concello, ante a falta de resposta ás problemáticas formuladas polo persoal e o incumprimento nas medidas anunciadas polo Goberno municipal para compensar a aplicación do ERTE na concesionaria do transporte urbano de Vigo.

A representación da CIG chama as traballadoras e traballadores a participar na protesta e denuncia que segue sen aclararse se se manterán os baños portátiles para os/as traballadores/as colocados durante o estado de alarma e se tamén se porán nas liñas que aínda non contan con este servizo nas cabeceiras; así como que as medidas anunciadas polo alcalde de Vigo para contrarrestar o ERTE de Vitrasa, “unicamente se levaron a cabo as que significaron unha mellora para a empresa, como foi unha ampliación en 5 anos da actual concesión, pero ningunha das anunciadas para o persoal”.

Así mesmo, en esta concentración reivindicaranse outros problemas como o réxime de xornada -con descansos en ocasións inexistentes-, a eventualidade, a ineficacia das mamparas colocadas para combater a COVID-19, a inexistente protección da mutua, a falta de EPI -sobre todo no taller-, a inclusión de novos métodos de pago e os incumprimentos tanto do Convenio Colectivo como de acordos realizados, que implican unha merma na calidade do servizo ofrecido aos/as viaxeiros/as e do propio traballo do persoal.

Dende a representación da CIG agardan que nesta ocasión “o alcalde de Vigo se achegue a falar con nós e podamos aclarar algún destes temas formulados”. Neste senso, Imanol Arnoso, delegado da CIG e presidente do comité, lembra que “o responsábel último e un dos que debe de gardar por nós é o adxudicador da concesión”.

Advirte que se tras varias concentracións nin o Goberno de Vigo nin a concesionaria deron ningunha mostra de entendemento “debemos ser máis contundentes coas accións reivindicativas o que suporá incrementar as medidas de presión co resultante prexuízo para os/as viaxeiros/as”.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario