O persoal do aeroporto de Santiago decide en asemblea adiar os paros até setembro

Ante as xestións que van realizar Subdelegación e Defensor del Pueblo para abrir vías de diálogo con AENA
Publicado por o día 13/08/2019 na sección de CIG,Galicia,Protestas,Santiago,Sindicatos

O persoal do aeroporto de Santiago decide en asemblea adiar os paros até setembro

O cadro de persoal do aeroporto ‘Rosalía de Castro’ de Santiago decidiu hoxe en asemblea adiar os paros parciais previstos para finais de agosto á espera das xestións que van realizar a Subdelegación do Goberno na Coruña e o Defensor del Pueblo para abrir vías de diálogo con AENA.

A partir de aí, no caso de que a dirección do organismo público que xestiona o aeroporto non lles remita antes do 2 de setembro unha proposta que permita solucionar as problemáticas laborais que saíron á luz tras o anuncio do peche da cantina do persoal, a coordinadora do comité intercentros convocará folga os días 13, 20 e 27.

Segundo explican dende a representación da CIG na coordinadora, os traballadores/as aprobaron por unanimidade a proposta de trasladar a convocatoria a setembro, como mostra de boa vontade negociadora e para non causarlle prexuízos á cidadanía en pleno período vacacional.

“Mais no caso de que as xestións destes organismos non reactiven os contactos de xeito que permitan avanzar cara a unha solución, optaremos por poñer enriba da mesa novos paros parciais no mes de setembro”, adiantan.

Comentar noticia

Your email address will not be published.