Malia a primeira etapa de vacinación corresponder ao persoal socio-sanitario e ás persoas residentes en centros de maiores e atención á discapacidade, a CIG-Saúde de Compostela quere denunciar que as traballadoras e traballadores non sanitarios do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (CEGADI) seguen sen recibir a vacina e o persoal sanitario non foi vacinado até a segunda etapa.
Dende CIG-Saúde de Compostela aclaran que aínda que ás e aos residentes do CEGADI, por seren positivos en Covid-19, non se lle pode administrar a vacina, as persoas que traballan nese centro si terían que estar vacinadas. Aínda que este non foi o caso,” xa que non vacinaron a ningún traballador/a deste centro na primeira etapa, dirixida a sociosanitarios”.
Na segunda fase, vacinouse o persoal traballador do SERGAS, isto é ao persoal médico e de enfermería que derivaron alí; pero o persoal técnico en coidados auxiliares de enfermería que se encarga de asear os pacientes, darlles de xantar, mudarlle as camas…, “como non foi contratado polo SERGAS, senón pola Consellaría de Política Social, non foi vacinado. Como tampouco o persoal de limpeza, cociña ou outros servizos”.
O persoal contratado por Política Social, sen vacina
Neste senso, a CIG-Saúde critica que “Sanidade e Servizos Sociais da Xunta de Galiza sacan da manga un centro ao que dotan de persoal, pero a pesar de traballar con persoas maiores positivas procedentes de residencias de toda Galiza , non entran na primeira fase de vacinación como o resto de residencias, públicas e privadas, e incluso algunha das categorías tampouco na segunda, porque non traballan para o SERGAS”.
Por iso, para a federación comarcal de Saúde da CIG, “sacar peito dicindo que hai que coidar da nosa xente maior, e que serán os primeiros en recibir a vacina, aínda parecendo unha idea orixinal desta Administración, non é. O único que tiña que facer a este respecto era a execución da primeira etapa do plan de vacinación e o control de que esta fose levada a cabo dun xeito escrupuloso e co rigor que requiría”.
Mentres tanto, dende a Xunta pedíuselles que sigan a traballar con contratos totalmente precarios porque, ironiza a CIG-Saúde, “có cualificativo de heroínas e heroes xa lles debe chegar para cotizar á Seguridade Social, ir sumando puntuación por tempo traballado para escalar posicións nas listaxes de contratación e como non, para pagar as facturas que lles permitan vivir. Iso si, até que se contaxien, porque daquela finalizarán o contrato de acumulo de tarefas, quedarán na rúa, sempre e cando non tiveran a mala sorte de portar unha carga viral tan alta que teñan que quedar ingresados/as”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.