O persoal dos PAC convoca folga indefinida para reclamar melloras asistenciais e laborais

“A incompetencia da Xunta na sanidade é un problema que non se pode esconder máis”
Por o 07/01/2019 | Sección: Protestas,Sanidad
O persoal dos PAC convoca folga indefinida para reclamar melloras asistenciais e laborais

O persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC) galegos está chamado a partir de hoxe luns 7 de xaneiro a unha folga indefinida para reclamar melloras asistenciais e laborais. Dende o comité de folga explican que a convocatoria chega despois de múltiples intentos de diálogo co Sergas e de dous paros parciais, “xa que seguimos sen ningún achegamento por parte da Administración e non fomos convocados/as durante este período para negociar unha saída ao conflito”.

O colectivo lembra que as súas reivindicacións seguen a ser os 11 puntos “que nos uniron en toda a xeografía galega hai preto dun ano”, con demandas asistenciais e de equiparación de dereitos ao resto dos profesionais do Sergas: retirada dos obxectivos da derivación hospitalaria, equipos completos de enfermaría médica, revisión de plans funcionais, valoración de riscos e equipos de protección axeitados ou cómputo de xornada correcto onde os permisos e as baixas computen neutro a efectos de xornada.

Segundo datos publicados pola Consellaría, “no ano 2017 atendéronse máis de 1.548.000 urxencias nos 90 PAC de Galiza, 767.000 delas nos seis primeiros meses de 2018”. O propio departamento autonómico salienta o “alto índice de resolución, de máis do 90%, sen necesidade de derivación hospitalaria”. Dende o persoal dos PAC sinalan que malia aumentar a actividade asistencial, os centros non están ben dotados e os equipos sanitarios son mínimos.

“A incompetencia da Xunta na sanidade galega é un problema que non se pode esconder máis”, sosteñen. Lembran que son numerosos os colectivos de traballadores/as e usuarios/as que seguen a denunciar publicamente o estado precario da sanidade, nomeadamente en Primaria: listas de espera, problemas de derivación a consultas de especializada, falta de medios, escaseza de persoal contratado, material inaxeitado, etc.

Falta de planificación

Ao mesmo tempo, consideran que a Administración, coas súas declaracións de “facemos o que podemos”, está a recoñecer “de forma totalmente irresponsábel” o que levan meses denunciando: unha enorme falta de planificación que se foi paliando grazas a implicación e responsabilidade das traballadoras/es.

Tal e como sosteñen, o feito de que o Sergas non convoque o comité de folga, que se nos exclúa das reunións e grupos de traballo de reestruturación en Atención Primaria e que permitan que este conflito se estenda no tempo “deixa en evidencia da falta de disposición ou capacidade para resolver os problemas coas traballadoras/es dos PAC”.

Por todo isto, o colectivo decidiu convocar folga indefinida a partir de hoxe “para dar solución dunha vez por todas ao trato inxusto e discriminatorio ao persoal cunhas condicións de traballo pésimas que non se poden soster máis no tempo”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.