O Plan de Atención ao Alumnado Vulnerable incide na importancia de traballar sempre de xeito preventivo ante a covid

Nesta atención mobilizaríanse as 4.000 persoas que a día de hoxe prestan apoio a estes estudantes nos centros educativos
Publicado por o día 02/02/2021 na sección de Educación,Galicia,Xunta de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha reunión de traballo cos integrantes do grupo de inclusión do Comité Educativo para terminar de perfilar o Plan de Atención ao Alumnado Vulnerable, no que se recollen as pautas de actuación a poñer en marcha ante a covid. É dicir, establécese unha organización ordenada de recursos humanos e didácticos para a mellor atención a estes alumnos no hipotético caso de que a dinámica epidemiolóxica requirira pasar a un ensino non presencial nalgún momento.

Román Rodríguez fixo especial fincapé na importancia de “actuar de xeito preventivo para que o sistema educativo funcione coas máximas garantías en calquera contexto”, o que require anticiparse na toma de decisións, neste caso dirixidas a un grupo específico como é o colectivo de alumnado vulnerable.

O obxectivo, como expuxo o conselleiro, “é facer un seguimento específico destes estudantes, así como coordinar e canalizar todos recursos e apoios necesarios para garantir o seu proceso educativo en igualdade de condicións cos seus compañeiros”.

Este plan vén reforzar o Plan de ensino virtual ante a covid-19 aprobado o pasado trimestre. Non en balde, no último Comité Educativo, que comprobou que o sistema está preparado para o ensino virtual, decidiuse introducir novas melloras e poñer en marcha este plan específico con todos os recursos dispoñibles para mellorar a atención a este alumnado en calquera situación epidemiolóxica.

O sistema educativo galego conta cunha ampla rede de preto de 4.000 profesionais especializados no ámbito da atención á diversidade, entre orientadores, especialistas en Pedagoxía Terapéutica, en Audición e Linguaxe, así como os profesionais de apoio e reforzo, persoal que tamén se mobilizaría para esta atención virtual.

Coordinación e seguimento

O plan centraliza nos Equipos de Orientación Específicos e nos xefes dos departamentos de Orientación todo o labor de coordinación e seguimento na atención ao alumnado vulnerable, cunhas pautas de actuación claras a seguir en caso de ensino en modo non presencial.

Así, os Equipos de Orientación Específicos prestarían asesoramento á comunidade educativa, incluída a elaboración de guías informativas e o deseño de procesos de ensino en liña así como os materiais que foran precisos para atender telematicamente aos nenos en situación de vulnerabilidade.

Pola súa banda, os xefes dos departamentos de orientación asumirían a función de seguimento de cada alumno no propio centro, co obxectivo de evitar o abandono escolar ou a súa desconexión ao sistema. Un dos cometidos máis salientables é orientar os cambios metodolóxicos que sexan necesarios para abordar o proceso de ensino destes nenos, para o cal é imprescindible deseñar estratexias e actividades de metaaprendizaxe con instrucións claras, que lles facilite a realización de tarefas.

Intervención educativa axeitada

Para acadar unha intervención educativa axeitada, ou os xefes dos departamentos de orientación traballarían coordinando ao resto dos profesionais de atención á diversidade en asuntos como a orientación de contidos e cambios de programación que sexan necesarios para estes alumnos. Así mesmo encargaranse das adaptacións horarias do profesorado especialista, de asesorar aos equipos docentes á hora da avaliación destes nenos.

Pola súa banda, os profesionais especialistas en Pedagoxía Terapéutica (PTs) e en Audición e Linguaxe (AL), que veñen prestando apoio regular durante o curso aos seus alumnos, serían os encargados de seguir prestando un apoio directo ao alumnado que xa viñan atendendo de maneira ordinaria, pero dun xeito telemático.

Así mesmo, o profesorado de reforzo dos programas ARCO ou PROA+, que actualmente desenvolve a súa actividade presencial nos centros, continuaría proporcionando o reforzo que viña prestando, e seguindo os plans de traballo deseñados en coordinación cos titores e co resto de docentes.

A través deste plan, establécense as liñas básicas que deben seguir os preto de 4.000 profesionais de atención á diversidade (entre orientadores, profesores especialistas e docentes de apoio e reforzo) que a día de hoxe están prestando apoio nos centros escolares galegos.