O plan de humanización do Sineiro suporá un investimento de máis dun millón douscentos mil euros en varias fases

O alcalde presentoulle onte a proposta á veciñanza.
Publicado por o día 05/08/2020 na sección de Galicia,O Grove

O plan de humanización do Sineiro suporá un investimento de máis dun millón douscentos mil euros en varias fases

O Grove, 5 de agosto de 2020. O alcalde do Grove foi o encargado de presentar onte o plan integral de humanización do barrio do Sineiro, que será aplicado nas nove rúas desa zona. O plan será desenvolto en varias fases, comezando de xeito inmediato pola rúa Cantabria. Trátase dunha actuación necesaria nunha área que leva moitos anos sen recibir investimentos nin melloras e que é urxente integrar na zona urbana da localidade como barrio que forma parte desta. Inda que as propostas terán impacto na parte exterior da rúa, con melloras no pavimento e nas beirarrúas que farán o barrio accesible e acolledor para os peóns, sen dúbida a actuación máis importante atópase baixo terra, cunha mellora das conexións e da recollida de pluviais e fecais, que é fundamental para garantir as boas condicións da barriada e seguir contribuíndo á mellora do abastecemento de toda a localidade.

Como se pode ver na documentación adxunta, o Concello xa ten deseñado o plan integral rúa a rúa, aínda que este se acometerá en varias fases e contando co financiamento de, entre outros, o Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, que permite —grazas ao seu carácter estable e obxectivo— contar con fondos a futuro para lles facer fronte a actuacións tan importantes. A actuación seguirá o modelo deseñado en toda a zona urbana do Grove, priorizando o peón e partindo da circulación moderada e reducida de vehículos. Manteranse as zonas de aparcadoiro, pero redeseñarase o tráfico para garantir esa pacificación necesaria para a convivencia entre coches e viandantes. Unha vez máis, a accesibilidade e o tránsito de persoas con mobilidade reducida resulta primordial para seguir traballando nun Grove inclusivo, ao tempo que a amplitude das beirarrúas fomenta a vida social de pobo e a seguridade de persoas maiores e cativada.

Comentar noticia

Your email address will not be published.