O Plan de talento dixital de Galicia pon en marcha dez iniciativas para promover as vocacións tecnolóxicas e novos perfís dixitais

Máis dunha trintena de estudantes de ESO e Bacharelato participarán en talleres de robótica colaborativa, deseño e impresión 3D

A Amtega e o sector TIC suman de novo esforzos para desenvolver no primeiro trimestre do 2021 unha decena de actuacións para avanzar no desenvolvemento de dous dos eixos estratéxicos do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent: as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais.

O fomento das vocacións científico-tecnolóxicas concentra ata cinco iniciativas. Da man de Televés, un total 30 estudantes de ESO e Bacharelato participarán nas instalacións destas empresa en Santiago de Compostela nunha serie de talleres en torno a robótica colaborativa ou impresión 3D que achegarán aos asistentes ás novas tecnoloxías. O prazo de inscrición para as primeiras formacións técnicas é do 1 ao 10 de febreiro. Ademais, estudantes de bacharelato ou formación profesional poderán acompañar a traballadores desta empresa durante unha xornada de traballo co programa Mentoring Day, que ten dispoñibles tres prazas e cuxo prazo de inscrición vai do 1 ao 10 de mazo do 2021.

Contribuíndo ao mesmo obxectivo, a empresa Altia levará de novo o programa GenTech a centros educativos galegos co que se presentarán proxectos de base tecnolóxica en distintas sesións dixitais para dar a coñecer entre o alumnado a importancia dos profesionais TIC e as oportunidades laborais que existen actualmente. O prazo para inscribirse no programa GenTech xa está aberto e remata o 15 de febreiro do 2021.

Ademais de febreiro a maio, desenvolverase unha nova edición do concurso de programación The North Codes no que, por equipos, os mozos e mozas teñen que crear un videoxogo de aventuras utilizando a tecnoloxía Scratch. Os interesados en presentar os seus proxectos na web do concurso The North Codes poden facelo ata o 20 de maio.

Cabe destacar tamén neste eixo a nova convocatoria do programa de reforzo das competencias dixitais DigiCraft no teu cole dirixido a alumnos/as de 6 a 12 anos e que chegará ata a 200 novos centros.

Novos perfís dixitais

Para facilitar a adaptación de estudantes, titulados e profesionais á demanda de novos perfís dixitais darase continuidade ás actividades de sensibilización e asesoramento (talleres, concursos, premios, etc.) no marco de iniciativas lideradas pola empresa everis como a Cátedra de Transformación Dixital ou a Cátedra R Ciberseguridade.

Coa iniciativa Altia Tech Day desenvolveranse ata o mes de xuño distintos workshops de tecnoloxías avanzadas aos futuros profesionais do sector (estudantes universitarios, escolas técnicas e centros de formación profesional) para potenciar o talento e completar a súa formación en tecnoloxías novidosas.

Ademais, darán comezo as Bolsas DigiTalent coas que 13 estudantes realizarán prácticas non laborais en empresas do sector tecnolóxico coa oportunidade de participar en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas como Big Data, Cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, etc.

Así mesmo, estase a desenvolver a II edición do Curso de Especialista en 5G, este ano en formato online, impulsado pola Amtega en colaboración coa a Universidade de Vigo e o operador público Retegal para a capacitación especializada e adaptada ás necesidades derivadas da futura extensión da tecnoloxía 5G a diferentes perfís profesionais do sector tecnolóxico.

Catálogo de actuacións DigiTalent

Toda a información sobre estas iniciativas así como do resto do catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no espazo web https://digitalent.xunta.gal/gl, onde se irá publicando a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación) a medida que estea dispoñible.

 

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario