O Plan DepoRemse permitirá na Guarda a mellora da mobilidade e seguridade no entorno da rúa Vigo e Celta

Publicado por o día 20/09/2018 na sección de A Guarda,Galicia

O Plan DepoRemse permitirá na Guarda a mellora da mobilidade e seguridade no entorno da rúa Vigo e Celta

Esta semana a Deputación de Pontevedra ven de anunciar os proxectos que se van beneficiar do Plan bianual 2018/2019 de remodelación e mellora da seguridade dos viarios municipais, DepoRemse, do cal o Concello da Guarda vai ser beneficiario a través da mellora da mobilidade e seguridade no entorno das rúas Vigo e Celta.

No entorno destas rúas A Guarda conta con numerosas instalacións e equipamentos públicos coma o Centro de Saúde, o Conservatorio de Música, o Pavillón Municipal, o IES A Sangriña, o CEIP A Sangriña, o Estadio Municipal da Sangriña, lugares que son frecuentados por milleiros de persoas, na súa maioría rapaces e rapazas, para asistir a estes equipamentos.

Coa posta en marcha deste proxecto se pretende mellorar estes desprazamentos peonís, mellorando a seguridade dos usuarios, peóns e tamén a circulación de vehículos, coa construción dunha glorieta no coñecido coma «cruce dos bechos».

As obras realizaranse na Rúa Vigo, dende o enlace coa PO-552 ata as proximidades do Pavillón Municipal e en parte Rúa Celta, sendo esta actuación unha primeira fase, que se pretende ampliar en futuros proxectos para dar continuidade á humanización da totalidade destas dúas rúas.

O Proxecto de mellora da mobilidade e seguridade no entorno da rúa Vigo e Celta, conta cun orzamento de 588.235,29 euros, dos cales 500.000 apórtaos a Deputación de Pontevedra e 88.235€ o Concello da Guarda.

Todos os proxectos aprobados, tal e como informou a presidenta da institución provincial, correspóndense con obras completas que melloran a calidade de vida da veciñanza, dan cumprimento á normativa vixente sobre seguridade viaria, foron aprobados polo órgano competente do concello e contan con terreos de titularidade municipal. Ademais, para a valoración de todos eles, tamén se tiveron en conta criterios como a poboación, a extensión da rede viaria municipal, a densidade de poboación e a calidade e madurez dos proxectos, sendo o proxecto presentado pola Guarda, un dos que acadou as mellores puntuacións.