O Plan Móvese 2 permitirá ampliar ata 3.000 o número de lombos e redutores de velocidade nas estradas da provincia

O deputado Uxío Benítez explicou que o novo proxecto de calmado de tráfico beneficiará a 38 concellos e suporá un investimento de 1.552.145 euros
Publicado por o día 10/05/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

O Plan Móvese 2 permitirá ampliar ata 3.000 o número de lombos e redutores de velocidade nas estradas da provincia

O Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (Móvese 2) permitirá ampliar ata máis de 3.000 o número de ‘lombos’ e redutores físicos de velocidade instalados nas estradas da provincia. Así o manifestaron hoxe o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, que presentaron a nova edición do xa coñecido plan de calmado de tráfico para aumentar a seguranza viaria nas vías de titularidade provincial.

Benítez explicou que o Goberno provincial está “moi satisfeito” do Plan Móvese inicial, tanto da execución das obras como “do apoio social que recibiron as actuacións que se fixeron salvo casos moi illados”, que se plasmou en “máis demanda de redutores de velocidade por parte de asociacións, colectivos e concellos”. Ante esta avalancha de peticións, o Departamento de Mobilidade puxo en marcha unha nova convocatoria pública que tivo por resultado un proxecto de 1.552.145 euros de orzamento que se sacará a licitación de xeito inminente para instalar 358 novos redutores de velocidade.

A contratación das obras, segundo explicou Benítez, vaise acometer en dous lotes por cuestións xeográficas: un para a zona norte da provincia e outro para a zona sur –fronte aos catro da edición anterior–, con importes de 788.711 euros e 763.434 respectivamente, para un total de 38 concellos da provincia. O deputado nacionalista quixo resaltar que houbo algúns municipios que non solicitaran actuacións no Plan Móvese inicial “quizais por reticencias ou descoñecemento” que agora si se animaron a pedir dispositivos de calmado de tráfico, como son Rodeiro, A Estrada, Cambados, Meaño e Meis.

Benítez lembrou que o Plan Móvese 1 está totalmente finalizado e supuxo a instalación de 638 dispositivos de calmado de tráfico. Destacou que “entre os que xa están instalados e os que imos colocar adscritos a este plan específico de redución de velocidade hai 996 redutores, pero se engadimos os que xa había en estradas provinciais e os que se van sumando nos diferentes proxectos puntuais e actuacións da Deputación, en total roldamos os 2.000 redutores de velocidade nas estradas provinciais de Pontevedra”, matizou. O vicepresidente Mosquera engadiu neste sentido que, se se contabilizan os ‘lombos’ e redutores instalados polo resto dos concellos, Xunta e Fomento, a cifra total nas vías da provincia supera os 3.000 dispositivos.

Para finalizar a súa presentación, o deputado de Mobilidade destacou que “mentres haxa demanda nós –a Deputación– imos seguir colocando dispositivos de calmado de tráfico porque é a nosa filosofía e cremos que é a única solución para acadar que haxa unha convivencia nas estradas entre as persoas e os vehículos… E a única maneira é que os vehículos, onde sexa necesario, reduzan a súa velocidade e a única maneira é con dispositivos físicos”.

Benítez fixo fincapé tamén no recoñecemento que está a ter fóra de Galicia o Plan Móvese e lembrou o Simposio de Vías e Obras da Administración Local que tivo lugar en Valencia pola Asociación Española de la Carretera, onde houbo representantes doutras deputacións que manifestaron o seu desexo de implantar o modelo no seu territorio. Tamén fixo fincapé en que a DXT mostrou interese sobre o seu desenvolvemento. “Hai moitas miradas postas na provincia de Pontevedra, nesta filosofía, e no Plan Móvese”, sentenciou.

Para explicar de xeito máis visual o que é o Plan Móvese e o motivo polo que hai que actuar na franxa atlántica da provincia do xeito en que o fai a Deputación, o Departamento de Mobilidade acaba de editar un vídeo que xa se deu a coñecer no simposio de Valencia e que se difundirá tamén o vindeiro día 15 nas xornadas de presentación da Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable.

Xornadas de presentación da Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable

Pola súa banda, ademais de mostrar a súa satisfacción polos bos resultados do Plan Móvese, que veu a corrixir unha parte dos problemas máis urxentes das estradas da provincia en seguranza viaria, o vicepresidente Mosquera anunciou hoxe a realización o vindeiro martes día 15 dunha xornada de presentación da nova Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable.

Mosquera destacou que se congregará a persoal técnico chegado de todo o resto de Galiza e tamén do estado, posto que a Asociación Española de la Carretera, colexios profesionais, concellos, DXT e outros organismos difundiron o convite entre o sector.

O vicepresidente destacou que a guía é un manual técnico que recolle o máis avanzado en materia de tratamento de espazos e lembrou que para os concellos da provincia ten dúas aplicacións prácticas moi importantes: serve de base para actuacións e melloras como as dos ‘Plan Camiña á Escola’ impulsada pola Deputación (cuxas bases saen hoxe no BOPPO), e tamén como referencia e condición indispensable para as iniciativas que os concellos presenten ao Plan DepoRemse.

Mosquera finalizou a súa intervención felicitando o traballo que está a desenvolver o Departamento de Mobilidade, que está a ser referente tanto de xeito estatal como internacional, cun convite ao Congreso Iberoamericano de Perú en outubro deste ano. “A pesares das dificultades iniciais, nas que se cambiou o director de departamento e houbo outras problemáticas, estase a facer un traballo espléndido. A maior satisfacción é que con este traballo estanse a salvar vidas. Fomos moitos anos das primeiras provincias con máis sinistralidade e afortunadamente as cifras están a baixar”, asegurou.