O Plan Revitaliza permitirá ao concello de As Neves compostar todo o lixo orgánico da veciñanza a primeiros de 2019

Deputación, Concello e Adega asinaron hoxe un convenio de colaboración para repartir 1.300 composteiros individuais entre as familias da vila

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra vai permitir ao Concello de As Neves mudar o seu modelo de xestión de lixo e compostar todos os biorresiduos da súa veciñanza a primeiros de 2019. No día de hoxe o vicepresidente César Mosquera, o alcalde Xosé Manuel Rodríguez, e a presidenta da asociación ecoloxista Adega, Virxinia Rodríguez, asinaron un convenio de colaboración polo que nos vindeiros meses se van realizar charlas de formación sobre compostaxe e repartir 1.300 composteiros individuais entre as familias da vila que dispoñen de casa con horta, co obxectivo de que pasen a compostar o seu residuos orgánicos en lugar de depositalos nos colectores verdes.

Coa distribución dos 1.300 composteiros individuais e a instalación dos cinco centros de compostaxe comunitaria, o Concello de  As Neves será un dos primeiros da provincia (xunto con Vilaboa, Mondariz, Mondariz Balneario, O Grove e Pontevedra) e de todo o estado que compostará todos os seus biorresiduos. Deste xeito cumplirá coa normativa sobre biorresiduos tanto da Unión Europea como a súa transposición estatal, que obriga a que os concellos recollan de xeito separado o 100%  do lixo orgánico e o traten de xeito específico en 2020.

Os 1.300 composteiros individuais distribuiranse á par das xornadas de formación para a veciñanza que desenvolverán os mestres e mestras composteiras da Deputación xunto co persoal de Adega. Iranse programando encontros de xeito sucesivo nas parroquias e servirán para que, ademais de adquirir coñecementos, os propietarios de vivendas con horta recollan o seu composteiro xunto co material necesario para compostar (aireador, termómetro, guía…). En total está previsto que se realicen unhas 26 charlas, ás que veciñas e veciños serán convocados de xeito personalizado. Despois, organizarase un seguimento de cada un dos composteiros unha vez estean instalados nos fogares: o persoal de Adega fará un mínimo de tres visitas e un máximo de cinco aos domicilios ao longo dun ano para corroborar que a veciñanza está facendo o compost correctamente.

O convenio asinado hoxe entre Deputación de Pontevedra, o Concello de As Neves e a asociación ecoloxista Adega para realizar todo este traballo ascende a 92.430 euros, unha cifra que se suma á axuda económica de 197.597,39 euros concedida pola Deputación ao Concello de As Neves para desenvolver o Plan Revitaliza (o º87,06% do orzamento solicitado para mercar composteiros individuais, colectivos e materiais complementarios).

Nestes momentos o Concello de As Neves ten instalado un centro de compostaxe comunitaria na rúa da Esperanza na que están a depositar os seus biorresiduos 80 familias da vila. Tamén hai un composteiro para o colexio Marquesa do Pazo da Merced, así como nas unitarias de Taboexa e Rubiós. Están por instalar outros no instituto e no centro de día, así como catro noutras zonas da vila. De feito, mañá remata o prazo de presentación de ofertas para o subministro dos centros de compostaxe comunitaria. Tamén están adxudicados un camión e unha trituradora para producir o estruturante que se debe misturar co lixo orgánico.

Control e coñecemento

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, explicou hoxe que o proxecto impulsado pola Deputación para fomentar a compostaxe, o Plan Revitaliza, ten unha importante diferencia con respecto a outros modelos voluntarios e experimentais desenvolvidos tempo atrás. O nacionalista subliñou que a intensidade de medios e persoal destinada ao Plan Revitaliza fixo que se convertese nun sistema universal e pasase a outra escala fronte ás limitacións e erros cometidos ata o de agora. “Non podemos permitir que a compostaxe se leve a cabo sen un mínimo de control e coñecementos técnicos. Temos que acabar coa mala información e as malas praxes”, destacou, ao tempo que subliñou que “debe haber sincronización entre  a Deputación, os concellos e o movemento ecoloxista, xa que non hai outro camiño para implicar á poboación”. “Temos sentadas as bases para facer algo que dificilmente vai fallar. Queremos que a compostaxe funcione con garantías e que sexa irreversible”, finalizou.

Pola súa banda, o alcalde de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez, agradeceu á Deputación e ao vicepresidente Mosquera o apoio para que o Concello aplique a compostaxe. “Estou convencido de que seremos un espello do modelo para o país. Iso é un orgullo, unha responsabilidade e unha emoción que hoxe dá un paso máis”, destacou. “Para nós o proxecto Revitaliza constitúe un antes e un despois na maneira de entender o tratamento do lixo en todo o Concello. A incorporación deste convenio con Adega dentro do proceso de concienciación, ilustración e coñecemento da compostaxe para a xente que vai ser usuaria do sistema Revitaliza, dota de calidade ao modelo, permite que a xente valore o que xa facía e volva recuperar a capacidade de reutilizar dentro do seu fogar o que organicamente é recuperable. Permite reentendernos no rural xa modernizados, pero tendo respecto pola contorna e o medio ambiente”, asegurou.

A presidenta de Adega, Virxinia Rodríguez, subliñou que o seu colectivo leva 20 anos traballando na compostaxe individual e dous anos na compostaxe comunitaria, que denominou como unha forma “razonable” de tratar os residuos. Rodríguez destacou que o Plan Revitaliza é un proxecto necesario e unha liña a seguir na que é preciso colaborar coa administración. “Hai que agradecer a valentía en levar adiante estes proxectos pioneiros e as entidades ecoloxistas deben estar aí. Nós sempre traballaremos da man con esta liña”, subliñou.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM