O Plan urbanístico de Ponteareas entra na recta final para a súa aprobación

O equipo técnico do Plan entregou no Concello o documento coas esixencias da Xunta para a súa aprobación
Publicado por o día 05/11/2018 na sección de Galicia,Ponteareas

O Plan urbanístico de Ponteareas entra na recta final para a súa aprobación

O goberno de Ponteareas afronta a recta final para a aprobación definitiva do Plan Xeral de Urbanismo (PXOM) ao entregar o equipo técnico redactor o documento coas modificacións requeridas pola Xunta de Galicia.

O pasado mércores, 31 de outubro foi entregado no Rexistro Xeral do Concello, por parte do equipo técnico contratado para a súa redacción, o documento do PXOM dando así cumprimento aos requerimentos da Dirección Xeral de Urbanísmo da Xunta de Galicia.

O documento do Plan Urbanístico de Ponteareas, iniciou a súa tramitación en 2003, despois da suspensión do planeamento en xuño de 2002. Foi aprobado inicialmente o 18 de xuño de 2013. O goberno actual continuo a súa tramitación resolvendo as alegacións e realizando a aprobación provisional en febreiro de 2016, (co apoio de BNG, PSOE e PP). Posteriormente, despois dun minucioso análise da Dirección Xeral de Urbanísmo, a Xunta emitiu o 9 de febreiro de 2017 unha orde sobre a aprobación definitiva do PXOM na que se requería a realización de innumerables axustes e modificacións que obrigaron a realización dun traballo minucioso e laborioso para que o documento puidera cumprir cos requisitos da Xunta de Galicia.

O documento entregado polo equipo técnico redactor da cumprimento a eses requirimentos da Xunta para que nos vindeiros meses Ponteareas conte con Plan de ordenación, despois de máis de 16 anos co planeamento suspendido, “traballaron coa orde de cumprir estrictamente o que solicitaba a Xunta para aprobarnos o Plan e mantiveronse varias reunións, tanto a nivel político como técnico para a adecuada intrerpretación dos axustes a realizar”, explica a Tenente de Alcalde, Chus Garrote.

“Preferimos ter un documento urbanístico aprobado, aínda que non nos satisfaga plenamente, que estar nesta situación de parálise urbanística dende hai 16 anos”, afirmou o alcalde, Xosé Represas lembrando que a falta de Plan impide construír unha nova escola infantil, contar con terreos para novos equipamentos e aparcamentos públicos, et.c

Agora o documento será analizado polas técnicas municipais e posteriormente o alcalde convocará a Comisión de Urbanísmo para tratar o documento. Represas adiantou que a documentación recibida será compartida de inmediato con todos os grupos da Corporación para o seu estudo e análise previo a Comisión.

“Coa inclusión de todas as modificacións e unha vez estudado na comisión informativa enviaremos á Xunta un plan que cumpre con todos os requerimentos esixidos, listo xa para obter o visto bo e desbloquear dunha vez esta situación de paralise”.