O Plenario Telemático de En Marea aproba cun 62% de votos a favor concorrer ás Autonómicas

Un 83% votou a favor de que a forma de presentarse fose nunha gran coalición.
Publicado por o día 26/05/2020 na sección de En Marea,Política

O Plenario Telemático de En Marea aproba cun 62% de votos a favor concorrer ás Autonómicas

As inscritas son as protagonistas e quen debe decidir, por iso En Marea afrontou o reto de preparar un plenario telemático coa participación de centos de persoas, no que decidir sobre a concorrencia ás Eleccións Autonómicas e a forma de facelo.

Malia as dificultades debidas ás fendas dixital e rural que hai en Galicia, dende a dirección consideran un éxito o Plenario, xa que permitiu que todas as inscritas que quixeron puideran compartir as súas posicións co resto.

No Plenario inscribíronse máis de 200 persoas, votando o 62% a favor de presentarse, o 21% en contra e absténdose o 17%.

Na cuestión referida a se presentarse en solitario ou en coalición, un 12% votaron a favor de concorrer en solitario, fronte a un 73% que apostou por facelo nunha gran coalición, incluíndo nela a Mareas e plataformas Municipais (83% a favor) así como a forzas soberanistas que defendan un programa baseado en combater as emerxencias climática, social e feminista que vive o noso país, pulando por unha nova normalidade xusta e sostible.

As pulsións das xuntanzas comarcais que celebramos hai semanas foron confirmadas nas votacións de hoxe, polo que apostamos por seguir tentanto transformar os contactos en acordos, seguindo abertos a falar con todos os axentes políticos, sociais, etc. que se manifesten preocupadas pola dispersión do voto progresista.

Por nós non quedará, se esa preocupación se concreta en vontade real de chegar a acordos.

Para nós é esencial encher de contidos e propostas a alternativa á fuxida cara adiante que defenderá Feijoo, visibilizando colaborativamente, xunto con outras forzas, uns obxectivos comúns na defensa do público, no rescate social e na transición da economía cara á coherencia climática, así como nun cambio estrutural para un galeguismo feminista, xusto e sustentable.

Instamos a Feijoo a esixir ao goberno central unha batería de medidas para recuperar a economía e afianzar o sistema sanitario na última fase do estado de alarma

Dende En Marea instamos a Feijoo a reclamar ao goberno do estado medidas para abordar de xeito integro as emerxencias social, feminista e climática que vive Galicia, para que a nova normalidade leve parello un cambio estrutural para un galeguismo feminista, xusto e sustentable.

Para nós as emerxencias social, feminista e climática que vive Galicia foron e seguen sendo ignoradas por completo polo goberno de Feijoo por iso instamos ao Presidente da Xunta a que alén de asumir as responsabilidades polas competencias que lle son propias, demande ao goberno do estado unha batería de medidas urxentes e esenciais para encarar a última fase do estado de alarma e impulsar a recuperación económica e social.

Feijoo debe esixir a recuperación de todas as competencias que durante a crise polo coronavirus foron centralizadas, pois dende a proximidade e a responsabilidade, dende o autogoberno, xestionase mellor a desescalada e a nova normalidade.

Instamos a Feijoo a reclamar a prórroga dos ERTES o tempo que sexa preciso e suspender o cobro de cotas e impostos a autónomas e pemes mentres non resolvan a súa situación, así como a aplicación inmediata dunha renda básica universal, asegurando o pago con urxencia. Feijoo debe esixirlle tamén ao goberno central máis recursos para a Lei de Dependencia, pois se algo puxo negro sobre branco a pandemia foi o desmantelamento e precarización dos servizos sociais. Neste senso, criticamos que a Xunta non teña un plan de axuda aos Concellos para que poidan desenvolver políticas de protección social e de desenvolvemento económico local.

A Xunta debe instar ao goberno a afortalar o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, dotalo de propostas específicas e impulsar a educación en igualdade e diversidade.

A crise climática non desapareceu, e na volta á nova normalidade segue a ser un reto real que superar, polo que esiximos a Feijoo que o financiamento que chegue dende Europa e dende o Estado sexa empregado en actuacións coherentes coa transición ecolóxica xusta, xerando emprego a través do aforro a e eficiencia enerxética, as renovables socialmente xustas, a reestruturación do rural, o fomento da soberanía alimentaria, etc.

Para En Marea hai cuestións inexcusables ás que o Goberno da Xunta non da resposta, amosando máis preocupación electoralista Feijoo por non perder o “prime time” da TVG que por convocar á oposición para acudir á Deputación Permanente ou ás conferencias cos grupos a dar conta da súa xestión.

Comentar noticia

Your email address will not be published.