O Pleno aproba inicialmente uns orzamentos de 264 millóns “para reactivar a economía da cidade”

Publicado por o día 18/11/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Pleno aproba inicialmente uns orzamentos de 264 millóns “para reactivar a economía da cidade”

O grupo de goberno de Vigo aprobou esta mañá inicialmente os orzamentos para 2021 -cun montante 264 millóns de euros – nun Pleno extraordinario celebrado hoxe mércores no que o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, explicou que o obxectivo do goberno local é “reactivar a economía” da cidade actuando como “administración tractora do sur de Galicia” e destacou que os novos orzamentos foron elaborados en constante “diálogo” coa cidade.

Cos votos en contra dos grupos da oposición, o executivo local aprobou unhas contas que reservan máis de 19 millóns para política social, “unha partida en constante crecemento desde 2007”, con axudas de emerxencia, programa de axudas extraordinarias -que agora se complementa co Ingreso Mínimo Vital -, con achegas a comedores socias ou solucións habitacionais para vítimas de violencia de xénero, entre outras cuestións.

Tal e como explicou Aneiros, a partida de Educación, un “instrumento para xerar igualdade de oportunidades” ascende a 14 millóns, que ademais de bolsas de inglés ou bolsas de comedor, este ano inclúe unha partida de 450.000 euros para desinfección dos centros educativos, aínda que se trate dunha competencia da Xunta.

Os investimentos ascenden a 25 millóns aos que hai que sumar 36 de remanentes, todos para facer inversións produtivas, de xeración de emprego e polo tanto de “facer economía”. Respecto ao apoio aos sectores máis afectados pola crise, referiuse aos 3 millóns de axudas directas coa rebaixa fiscal da que se benefician 10.000 actividades comerciais na cidade, ademais da taxa cero en terrazas que o goberno local vén aplicando desde o ano 2008.

Respecto das críticas da oposición, o titular de Facenda lamentou que o PP “profetice” con políticas que non leva a cabo a Xunta, mentres os seus homólogos de Marea de Vigo o concelleiro non adscrito “desempolvan o guión” e defenden as “mesmas propostas” que en anos anteriores en lugar de ler o documento orzamentario que inclúe “en cada concellería unha partida específica para afrontar a pandemia”.

Oposición

Pola súa banda, o voceiro do grupo municipal do PP, Alfonso Marnotes asegurou que estes orzamentos non serven para o Covid e “non chegarán á xente” ao non completarse a súa execución, tal como podería pasar coas partidas deste ano. Tamén insistiu na necesidade de conceder axudas ao comercio local e á hostalaría.

O voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez criticou que os orzamentos non se axusten á nova situación económica derivada da pandemia e lamentou que non sexan unhas contas máis expansivas. Finalmente, Xabier Pérez Igrexas, concelleiro non adscrito, reprochou que as contas de 2021 se elaborasen sen “sen recoller suxerencias” e lembrou que a súa formación presentou emendas por 13,5 millóns para atender ás clases traballadoras e aos barrios.

Comentar noticia

Your email address will not be published.