O pleno da corporación aproba inicialmente o Regulamento de Participación Cidadá

Cos votos a favor do grupo do goberno (BNG e ACB) e as abstencións de PP e PSOE, a normativa estará exposta ao público durante 30 días
Publicado por o día 21/01/2020 na sección de Bueu,Galicia

O pleno da corporación aproba inicialmente o Regulamento de Participación Cidadá

O goberno local, conformado polos grupos do BNG e ACB aprobaron inicialmente o Regulamento de Participación Cidadá na sesión plenaria que se celebrou este luns, 20 de xaneiro. Segundo salientou o vicealcalde e concelleiro de veciñanza, Julio Villanueva, “este regulamento naceu da proposta que se fixo desde a oposición hai tres anos e que se actualizou á normativa vixente, logo de diversas reunións cos colectivos e asociacións da vila”. Villanueva destacou que “suporá a dinamización da participación cidadá na política local”. De feito, neste regulamento, que actualiza o aprobado no ano 1996, regúlanse diversas fórmulas de participación da veciñanza no Concello, como son a creación dos Consellos Parroquiais e Sectoriais de forma oficial. Aínda así, na sesión plenaria non houbo unanimidade neste asunto, pois os grupos do PP e PSOE abstivéronse na aprobación inicial en agarda do período de exposición pública no que xa avanzaron que presentarán suxestións e propostas coas que mellorar o texto. Así o salientou a voceira do PP, Elena Estévez, quen así e todo deu os parabéns ao concelleiro de veciñanza pola axilidade neste expediente.

Na mesma liña se proclamou Elisa Dios, concelleira socialista, quen considera que “no período de exposición pública seguro que se vai mellorar o regulamento”. Desde o seu grupo tamén teñen intención de presentar alegacións, sobre todo en relación coa representación nos consellos territoriais. “Cremos que deberiamos despolitizar estes órganos e que participasen os veciños e veciñas de forma máis activa”.

O concelleiro Julio Villanueva lamentou que esta aprobación inicial non fose por unanimidade, toda vez que xa houbo un período de exposición previa do borrador na que o PP non presentou ningunha proposta e o PSOE só unha relativa aos orzamentos participativos. Pola súa banda, Xosé Leal, voceiro do BNG e concelleiro de cultura, salientou que “este texto mellora un regulamento que xa era moi bo, e suporá que a participación, que xa se practica desde hai anos no Concello, funcione de forma máis regrada e oficial”. Finalmente, o regulamento aprobouse inicialmente cos votos a favor de BNG e ACB, e as abstencións do PP e PSOE. A partir de agora haberá un período de exposición pública para alegacións, e posteriormente aprobarase definitivamente.

Os outros dous temas salientables do pleno, e no que toda a corporación se mostrou unánime, foron o relativo á aprobación da Declaración de Emerxencia Climática que partía de dúas propostas do Movemento Galego polo Clima e da Asociación Amigos da Terra. Por último tamén se procedeu a dar de baixa o camiño IVBE 220 do Inventario de Camiños de Beluso en execución dunha sentenza ditada polo Xulgado de 1ª Instancia nº1 de Marín.