O Pleno da Corporación de Vigo reclama por unanimidade a Audasa o pago íntegro do IBI

A moción presentada pola Marea de Vigo recibiu o apoio de todos os grupos municipais para instar á eliminación definitiva dos privilexios fiscais que lle foron outorgados á concesionarias no franquismo.
Publicado por o día 27/06/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Pleno da Corporación Municipal de Vigo acordou este mércores instar ao Goberno do Estado a realizar as accións oportunas que permitan aos concellos por onde transcorre a AP-9 reclamar o pago íntegro da taxa do Imposto de Bens Inmobles (IBI) por parte da concesionaria Audasa.

Na moción presentada por Marea de Vigo, tamén foi aprobada a elaboración por parte do Concello de Vigo dos informes económicos e xurídicos pertinentes para levar a cabo dita reclamación e trasladar o acordo aos grupos parlamentarios no Congreso e no Parlamento Galego.

Os tres grupos municipios votaron a favor da proposta defendida polo concelleiro Rubén Pérez. O voceiro da Marea sinalou que “estamos ante unha herdanza do franquismo” e destacou que Audasa goza “dun beneficio tributario que, en definitiva, é un copago inxusto para a veciñanza dos municipios polos que atravesa a autoestrada”.

Miguel Fidalgo, concelleiro do PP, indicou que o seu partido está “de acordo con eliminar este absurdo privilexio, xa aprobado no Parlamento de Galicia” e sinalo que lle parecía “correcto que Audasa pague o IBI e non perdamos impostos e unha empresa que non se porta ben cos vigueses”.

Ademais, o concelleiro socialista Jaime Aneiros explicou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, xa reclamou no ano 2009 o pago do imposto e a compensación. “Estamos ante unha herdanza do PP, dunha concesión prorrogada por José María Aznar e o ministro Arias Salgado”, afirmou.