O pleno da Deputación de Pontevedraratificao absoluto apoio “a un verdadeiro plan de rescate da hostalería e turismo” cun fondo de 140 millóns de euros

O goberno lamenta o voto en contra do PP. “Terán que explicar ao sector por que prefiren axudas de 75 millóns de euros que un Plan de 140, cando a Xunta recibiu do Estado 224 millóns de euros para á perda da actividade económica. Onde está ese diñeiro?”
Publicado por o día 29/01/2021 na sección de Deputación de Pontevedra

O pleno da Deputación de Pontevedraratificao absoluto apoio “a un verdadeiro plan de rescate da hostalería e turismo” cun fondo de 140 millóns de euros

”Un auténtico Plan de Rescate para o sector da hostalería e do turismo cun fondo de 140 millóns de euros, coa aportación do 1% de todas as administracións, e xestionado directamente polos concellos”. Con esta declaración, o goberno provincial insistiu no pleno da Deputación no seu apoio ás reivindicación da hostalería e lamentou “profundamente” o voto en contra do Partido Popular que, en palabras do voceiro Carlos Font, “terá que explicar aos sectores afectados porque prefire un plan de axudas de menos de cen millóns de euros en vez dun verdadeiro Plan de rescate de 140 millóns. É inexplicable e lamentable, sentenciou, porque amais é o que reclama boa parte do sector que non se sinte representado por quen está a aceptar a proposta de 75 millóns da Xunta”.

O portavoz do grupo socialista insistiu en que un fondo de 50 millóns de euros que propoñía a Xunta, incrementado despois a 75 “pola presión do mundo local”, “é totalmente insuficiente”, e esixiu ao goberno galego que aporte o 1% do seu orzamento como van facer deputacións e concellos. “É intolerable a coacción da Xunta ao mundo local, denunciou. Teñen as competencias, toman as decisións de peches e restricións, teñen a obriga de rescatar aos afectados e recibiron 224 millóns do estado para destinalos á perda da actividade económica. ¿Onde están eses 224 millóns?”. Carlos Font sinalou que a reclamación do 1% é a máis xusta. “A Xunta ten un orzamento de 11.563 millóns, a Deputación de Pontevedra 164. Ten que ser proporcional”.

Na mesma liña, o voceiro do BNG e vicepresidente, César Mosquera amosou a vontade “de facer o esforzo pese a que non temos competencia. Imos facer un esforzo construtivo poñendo todos a mesma porcentaxe para ir xuntos e rematar con esta fea e desagradable batalla, que desatou a Xunta e o PP, e chegar a un acordo. O que están a facer vailles traer consecuencias”. Tamén recordou que “non fomos nós, a administración local, nin as forzas políticas da oposición da Xunta de Galicia os que declaramos esta guerra”. Mosquera engadiu que “tivemos ata que soportar que quen tiña as competencias sacase un decreto e mandase a todo o PP a presentar mocións para que os concellos e as deputacións se ocupen do que a Xunta, que é quen ten as competencias, non fai”. “Vostedes, rematou, veñen aquí de mamporreiros da Xunta, como corresponde. É impresionante, francamente impresentable”.

O voceiro socialista tamén cualificou de “incomprensible” a posición do PP que se nega a que sexan os concellos quen xestionen o Plan de Rescate. “Vostedes insultan aos concellos dicindo que non son capaces de xestionar, e o seu portavoz Jorge Cubela escolle ser o brazo armado de Feijoo en vez de poñerse do lado dos municipios como fan as deputacións de Coruña, Lugo e Pontevedra e tamén a Fegamp. ¿É vostede alcalde e permite que o seu partido diga que os concellos non saben xestionar?” preguntou. “Os concellos son máis áxiles e o fan mellor que a Xunta. Só hai que ver o período medio de pago. A Xunta demora máis de 18 días mentres que concellos como Meis, Campo Lameiro, Oia ou Mondariz tardan 11 días, Cruces 9 días, e a Deputación entre 9 e 11 días”.

O voceiro do PSOE explicou como o decreto de Valencia, “do que tanto fala o a Xunta” deixa moi claro que os fondos teñen carácter de transferencias directas aos municipios, decreto que define ata os importes de cada concello, que sinala que son axudas por concesión directa e fai referencia á normativa que avala a xestión dos concello. Amais, o deputado engadiu que o decreto valenciano explica como o fondo vaise financiar con fondos europeos React UE. “¿Pretende a Xunta poñer a súa parte con fondos europeos e que os entes locais sen recibir nin un euro o fagan con recursos propios?. É escandaloso”.

Font tamén acusou ao PP de mentir ao sector cando falan de 86 millóns de euros de axudas xa entregada. “É falso. Simplemente sumando os números que os propios delegados e delegadas da Xunta están publicando, só chegan a 38 millóns”. “Amais, dixo, digan a verdade ao sector. Non son axudas a hostalería, son para todos os afectados, autónomos/as, microempresas, etc… co cal é aínda menos diñeiro”. O deputado rematou anunciando que “imos denunciar para saber onde están os 224 millóns de euros que recibiron do Estado. Teñen que dicilo dunha vez”.