O Pleno da Deputación súmase ao 25N cunha acción artística “chea de dor e carraxe dunha sociedade que non soporta máis sufrimento das mulleres”

Un poema de Ledicia Costas reinterpretado nun lenzo pola ilustradora Laura Tova encheu o Salón de Plenos do poder transformador da arte contra as violencias machistas
Publicado por o día 29/11/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

O Pleno da Deputación súmase ao 25N cunha acción artística “chea de dor e carraxe dunha sociedade que non soporta máis sufrimento das mulleres”

O Pleno da Corporación Provincial encheuse esta mañá de arte e feminismo nun acto co que a Deputación se suma novamente aos actos do 25 de Novembro. “Hoxe este salón de plenos énchese de toda a dor e carraxe dunha sociedade que non está disposta a soportar máis sufrimento das mulleres”, asegurou a presidenta provincial antes de acción na que poesía e ilustración se uniron, co poder transformador da cultura, para berrar contra as violencias machistas.

Unha voz en off procedeu a ler o poema que Ledicia Costas creou para o día no que se despregaron as lonas cos nomes das mulleres asasinadas polo machismo no exterior do Pazo provincial. Todas e todos os integrantes da Corporación Provincial mantivéronse en pé mentres se lía a poesía ao tempo que a artista Laura Tova, “ilustradora de sentidos e emocións” tal e como a cualificou Carmela Silva,  iniciaba unha peza artística na que se plasmou de xeito gráfico o poema de Costas.

En total, dende que hai rexistros, son xa 1.028 as mulleres asasinadas polo machismo e 52 no que levamos de ano. Pese a esta realidade, “os negacionistas queren facer que a loita contra as violencias machistas non sexa unha prioridade, negan que ás mulleres se nos discrimina, se nos maltrata e se nos asasina. E estamos fartas. Estamos fartas desta violencia que se exerce contra nós polo mero feito de ser mulleres”. Carmela Silva amosou o total compromiso do goberno da Deputación de Pontevedra coa igualdade. “Por iso hoxe, neste pleno, queremos render unha homenaxe ás mulleres que loitan pola igualdade e contra as violencias machistas”. A presidenta provincial agradeceu a ambas as dúas artistas, Costas e Tova, e a “todas as mulleres da cultura galega o seu compromiso coa igualdade e en contra das violencias machistas”.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.