O Pleno de Mos aproba por unanimidade a adhesión ao Pacto polo Clima

A vindeira semana celebrarase no Concello a primera xuntanza entre técnicos municipais e da Xunta para redactar o proxecto mosense
Publicado por o día 26/08/2019 na sección de Galicia,Mos

O Pleno de Mos aproba por unanimidade a adhesión ao Pacto polo Clima

O Pleno do Concello de Mos aprobou esta mañá durante a sesión ordinaria do mes de agosto, e por unanimidade dos seus membros, a adhesión ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía.

O Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía trátase dunha iniciativa impulsada hai máis dunha década a nivel europeo para implicar tamén ás administracións locais na loita contra o cambio climático. Este foi un dos principais asuntos que abordaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, durante a reunión de traballo que mantiveron o pasado día 19 do presente mes de agosto.


Naquel momento a conselleira felicitara ao Concello pola decisión de sumarse a unha iniciativa que desde finais de 2017 a Xunta coordina e lidera en Galicia e que nestes momentos xa conta co apoio de 121 municipios galegos e doutros 22 que están aínda en trámite de adhesión.

Pola súa parte o concelleiro mosense de Medio Ambiente, Leo Costas, aproveitou o Pleno desta mañá para avanzar información sobre os pasos que deberá seguir agora o municipio de cara a oficializar a súa incorporación ao pacto. Concretamente anunciou que a próxima semana, o mércores 4 de setembro ás 12.00 horas, o Concello de Mos acollerá a primeira reunión técnica entre persoal municipal e autonómico, na que se perfilarán as liñas a seguir para comezar a redacción do proxecto mosense que marcará a folla de ruta e o protocolo a seguir de cara a facer efectiva a incorporación ao Pacto.

Costas agradeceu “o labor de apoio e asesoramento que brinda neste sentido a Consellería á hora de participar no Pacto” e declarou que “dende este equipo de goberno estamos moi sensibilizados e concienciados co medio ambiente e co cambio climático, polo que dende a administración local esforzarémonos ao máximo na elaboración do proxecto director e levaremos ata as últimas consecuencias a adhesión ao Pacto”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.