O Pleno de Ponte Caldelas aprobou os Orzamentos, o inventario e desestimou as alegacións do PP ás termas

Publicado por o día 05/02/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

O Pleno de Ponte Caldelas aprobou os Orzamentos, o inventario e desestimou as alegacións do PP ás termas

O Concello de Ponte Caldelas aprobou inicialmente o seu Orzamento para o ano 2019, que ascende a 3,8 millóns de euros e supón un crecemento dun 8,7% con respecto ao anterior. O documento saíu adiante no Pleno ordinario celebrando onte.

As contas, que agora estarán a exposición pública durante 15 días, foron aprobadas polo equipo de Goberno (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) e a oposición do PP que, aínda que non presentou ningunha emenda, emitiu un voto contrario á totalidade.

O Pleno tamén desestimou as alegacións presentadas polo grupo municipal do PP á documentación previa do expediente para a concesión das obras e explotación do futuro Centro Termal de Ponte Caldelas. Ao remate do debate o PP abstívose na votación das súas propias alegacións, que quedaron desbotadas polos votos do equipo de goberno.

Finalmente, quedou aprobado o novo Inventario Municipal de Bens, que actualiza o existente ata o de agora, que data dos anos 90. O inventario valora os bens municipais en case 25 millóns de euros, moi por enriba dos pouco máis de 4 millóns do anterior. Estará agora a exposición pública, durante o prazo dun mes, para interposición de posibles alegacións. O PP abstívose neste punto ao afirmar que non tivo tempo de estudar o documento.