O Pleno debaterá a vindeira semana a aprobación definitiva dos proxectos de lei de residuos e solos contaminados, e de museos

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe que o Pleno da vindeira semana debaterá a aprobación definitiva dos proxectos de Lei de residuos e solos contaminados, e de museos e outros centros museísticos de Galicia.

Puy lamentou a falta de acordo entre as distintas administracións para a creación dun fondo común de axuda á hostalería galega pola falta de vontade de responsables das deputacións e concellos galegos, e apoiou a posta en marcha pola Xunta do segundo plan de rescate por valor de 75 millóns de euros.

Respecto dos proxectos de lei, Puy sinalou que, unha vez aprobado o ditame en comisión a semana pasada, están en disposición de volver ao Pleno para o seu debate de aprobación.

APROVEITAR TODA A VIDA ÚTIL DOS RESIDUOS

A nova lei de residuos e solos contaminados aposta por impulsar a recollida separada para aproveitar o 100 por cento da vida útil dos residuos e consolidar a implantación da economía circular. “Con esta nova lei pechamos o círculo de instrumentos para desprazar o modelo baseado no trinomio extraer-usar-tirar cara ao circular”, afirmou Puy.

O contido desta nova lei prima a prevención e reutilización dos residuos, establecendo que en 2025 debe reciclarse un 55 por cento do peso actual; ao tempo que, por primeira vez, establécese a necesidade de fomentar a creación de puntos de recollida de residuos industriais, grandes superficies comerciais e edificios públicos, que deben implantar unha infraestrutura básica para a recollida selectiva de residuos.

Outra das novidades da nova lei é que determina que en 2023 os concellos deberán instaurar a recollida separada dos biorresiduos e en 2024 os residuos téxtiles e residuos perigosos de orixe doméstica. Ademais, os servizos de restauración estarán obrigados a entregar as fraccións sobrantes de comida non consumida aos clientes en recipientes que non sexan dun só uso, acadando un dobre obxectivo: eliminar o uso deste tipo de vaixela e reducir o desperdicio alimentario.

Por outra banda, a nova lei de museos avanza na accesibilidade, a igualdade e o impulso das novas tecnoloxías nestas instalacións. O portavoz popular explicou que esta norma, “pioneira no eido autonómico, completa a articulación legal das institucións culturais de referencia: arquivos, bibliotecas e museos”.

A HOSTALERÍA NON PODE ESPERAR MÁIS

Pedro Puy lamentou a falta de acordo entre a Xunta, as deputacións provinciais e os concellos para a creación dun fondo común de axuda ao sector hostaleiro galego, logo de que responsables de deputacións provinciais e concellos se negaran a poñer en marcha esta medida, apoiada tanto por empresarios como por responsables dos traballadores. Neste sentido, lembrou que “o Goberno galego xa ten desenvolvido con celeridade e eficacia un primeiro plan de axudas á hostalería por máis de 86 millóns de euros”, fronte a un Goberno central que “non ten dado axuda directa algunha ao sector”.

“Apoiamos a decisión do Goberno galego de tramitar un segundo plan de rescate á hostalería de Galicia dotado con 75 millóns de euros para que este sector, que non pode esperar máis, reciba as axudas que lle corresponden para paliar esta situación de pandemia”, indicou.

DEMANDA INSISTENTE

Por último, o portavoz popular lembrou que no día de mañá debaterase no Congreso a proposición de lei remitida polo Parlamento galego solicitando a transferencia da titularidade e competencias da autopista AP-9 á Comunidade galega, no que participará Diego Calvo en representación do Grupo Popular de Galicia. “Estamos a falar dunha insistente demanda desde 2009, tanto desde a Xunta como desde o Grupo Popular, xa que consideramos que esta transferencia permitiría unha xestión máis pegada ao territorio, velar con máis eficacia pola calidade do servizo e ofrecer unha resposta áxil e directa ás necesidades dos usuarios”, afirmou Puy.

Ademais, sinalou que esta demanda “ten moito máis valor no momento actual se temos en conta que o actual Goberno central está máis preocupado por defender os intereses da concesionaria que os intereses de todos os galegos e os usuarios da AP-9, incumprindo os seus compromisos de bonificar as peaxes e liberar a peaxe de Redondela”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM