O Pleno do Concello de Mos aproba a actualización da RPT

O documento, fundamental para a optimización do funcionamento da administración local, foi aprobado o pasado luns pola maioría da Corporación Municipal mosense na sesión plenaria ordinaria do mes de xaneiro
Por o 30/01/2019 | Sección: Galicia,Mos
O Pleno do Concello de Mos aproba a actualización da RPT

O pasado luns celebrouse no Pazo de Mos o Pleno Ordinario do mes de xaneiro do Concello de Mos, no que se aprobou co voto favorable da maioría dos seus membros a actualización da RPT (Relación de Postos de Traballo) municipal.

O documento conta ademais co visto bo da unanimidade da representación sindical da mesa de negociación e o voto favorable da ampla maioría da Asamblea de Taballadores celebrada o pasado 8 de xaneiro. Así o salientou a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, quen declarou que “esta aprobación é unha moi boa nova para o Concello, ao ter logrado ademais o consenso de toda a mesa de negociación cos sindicatos e o respaldo dos traballadores municipais”.

Este procedemento, de gran relevancia para o funcionamento da administración local, continuará agora o seu curso coa publicación do acordo plenario de aprobación no BOP, Boletín Oficial da Provincia, cun prazo de 20 días hábiles para formular alegacións a contar dende que sala publicado no Boletín.

O Concello mosense levaba xa meses traballando nesta actualización da Relación de Postos de Traballo, xa que o último documento data de fai case tres anos e dende entón existen na plantilla local novas situacións laborais que non se recollían no último texto. A última modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello de Mos fora aprobada definitivamente en sesión plenaria de 25 de abril de 2016.

Desde o inicio do traballo necesario para a redacción deste novo documento actualizado e mellorado, celebráronse varias mesas de negociación cos sindicatos no salón de sesións da Casa Consistorial, así como entrevistas persoais cos/as traballadores/as, enquisas entre os membros da plantilla municipal, etc. Unha empresa especializada na materia realizou todos estes labores necesarios para a nova optimización.

Esta empresa que se encargou da redacción da mellora da RPT mantivo reunións coa maioría dos traballadores e traballadoras para sondear as necesidades e opinións respecto dos diferentes departamentos municipais e estivo presente nas diferentes mesas de negociación celebradas no Concello.

Ademais esta actualización da RPT inclúe a amortización de prazas relativa a varios postos vacantes que lle suporá ás arcas municipais un aforro anual de 80.000 euros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.