O Pleno insta á Xunta a acordar a cesión e humanización da Avenida de Castrelos

A Corporación aprobou a moción presentada por Marea, coa abstención do grupo de goberno, que require da administración autonómica a cesión da PO-330 e a sinatura dun convenio co Concello para a súa “urbanización completa”. O texto pide ademais un estudio de mobilidade na zona.
Publicado por o día 30/01/2019 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Pleno insta á Xunta a acordar a cesión e humanización da Avenida de Castrelos

O acordo foi presentado pola Marea e aprobado grazas á abstención do grupo socialista, quen presentou unha emenda de substitución -instando á Xunta a expropiar, humanizar e ceder ao Concello o vial- que non foi aceptada polo grupo propoñente. O PP non participou no debate nin na votación deste asunto.

O texto finalmente aprobado require da Xunta de Galicia a cesión do PO-330 ao Concello de Vigo e a sinatura dun convenio co Concello de Vigo para a súa “urbanización completa nunha soa actuación”. O goberno vigués, segundo a exposición de motivos da moción presentada por Marea, comprometeríase a levar adiante as expropiacións que fosen necesarias. Ademais, o contido do acordo solicita do goberno vigués dedicar parte dos fondos europeos EDUSI nesta actuación, o que foi descartado polo segundo tenente de alcalde e concelleiro de Fomento, Javier Pardo, por constituír unha modificación non permitida dos usos destes fondos, xa aprobados por Europa.

O último punto do acordo aprobado propón a realización dun “estudo de mobilidade para os viais da zona, ante a alta densidade de tráfico actual xerado por ser unha vía de acceso ao Hospital Álvaro Cunqueiro”.