O Pleno Municipal do Concello de Vigo aprobou este mércores catro mocións do grupo socialista solicitando a Xunta diversas partidas económicas para a cidade. Ademais, tamén saíu adiante co apoio dos concelleiros da Marea unha proposta para que a administración autonómica modifique o anteproxecto de lei de ordenación do territorio e evitar “expropiacións de terreos que favorezan a dedo a promotores”.
María José Caride, concelleira de Urbanismo, foi a encargada de defender a moción do grupo municipal socialista instando á Xunta a eliminar a figura dos proxectos públicos de “interese autonómico” para a iniciativa privada. “Esta é unha moción preventiva ante os problemas que pode dar para a autonomía municipal o feito de que un proxecto privado sexa de interese público e poida expropiar sen control de ningún tipo”, sinalou.
A edil alertou do risco “gravísimo” se chega a aprobarse a lei e cualificou coma un “escándalo” a posibilidade de expropiación de monte a favor de promotores “a dedo” e sen ser propietario “nin sequera dun metro de terreo”. A moción aprobada tamén insta á Xunta a garantir que a declaración de “interese autonómico” conte con informes favorables dos concellos afectados e tramitar as modificacións do plan municipal para dar cobertura aos proxectos públicos cas garantías do Lei do Solo.
Polo grupo da Marea de Vigo, Xosé Lois Jácome anunciou o apoio a solicitude e advertiu de que a lei “busca retirar os centros de decisión dos concellos” e favoreces a empresas extractivas, polo que considerou que se trata dun anteproxecto “francamente grave”.
Desde a bancada do Partido Popular, que votou en contra, o concelleiro Miguel Fidalgo acusou ao goberno local de querer “torpedear” o proxecto do Celta en Mos e de “enganar ao club para que marche de Vigo”. O edil recomendou “preocuparse máis do urbanismo da cidade e menos do urbanismo de Mos”.
Noticias de última hora en Vigo