O Pleno ratifica o instrumento urbanístico que devolve a edificabilidade a 48.000 propietarios

A Corporación aprobou este mércores unha Ordenación Provisional que permite aos titulares de 48.000 parcelas volver solicitar licenza, un dereito que xa tiñan no PXOM de 2008 anulado polos xulgados. Para o alcalde, “un paso de xigante no urbanismo de Vigo”.
Publicado por o día 24/07/2019 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Pleno ratifica o instrumento urbanístico que devolve a edificabilidade a 48.000 propietarios

A Corporación aprobou este mércores unha Ordenación Provisional que permite aos titulares de 48.000 parcelas volver solicitar licenza, un dereito que xa tiñan no PXOM de 2008 anulado polos xulgados. Para o alcalde, “un paso de xigante no urbanismo de Vigo”.

O Concello xa conta co instrumento de Ordenación Provisional aprobado polo Pleno da Corporación: o documento, promovido polo goberno de Vigo, obtivo o apoio de todos os edís salvo os tres de Marea e BNG, que votaron en contra.

En declaracións aos medios, Abel Caballero puxo en valor este “paso de xigante no urbanismo de Vigo”, que significa “desatascar” na práctica totalidade as consecuencias da anulación do PXOM de 2008 no tocante á capacidade de construír en Vigo.

Na sesión plenaria, a concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, explicou que esta ferramenta fai posible que os titulares de 48.000 parcelas definidas no PXOM de 2008 -anulado polos xulgados- como solo urbano consolidado recuperen a súa posibilidade de pedir unha licenza; son 23 millóns de metros cadrados afectados, case que o 40% do solo do termo municipal vigués.

O documento presentado polo goberno de Vigo tivo un “alto grado de consenso”, en verbas de Caride, pois as alegacións non chegaron ao 1% dos notificados e destas, varias eran para solicitar a incorporación de parcelas á Ordenación Provisional. A concelleira e tenente de alcalde subliñou que o Concello conseguiu que todo aquel que puidera solicitar a licenza ao amparo do anulado PXOM 2008 poida solicitala novamente.

A Ordenación Provisional compleméntase con outras liñas de actuación que promove o goberno de Vigo no urbanismo da cidade. Así, e co obxectivo de minimizar as consecuencias da anulación xudicial do PXOM de 2008, María Xosé Caride explicou que o Concello válese da chamada “lei Vigo” (para PSA, a ampliación do IFEVI ou a estación de Thom Mayne), de proxectos sectoriais (como na ampliación do PTL) e de modificacións puntuais do PXOM en vigor (é o caso da Panificadora ou do barrio do Cura). Ademais, o goberno de Vigo xa traballa na redacción dun novo Plan Xeral e presentará este mesmo 2019 o documento de borrador e o documento inicial estratéxico.

Debate 

A Ordenación Provisional foi aprobada co apoio dos grupos socialista e popular, mentres que o concelleiro do BNG e os dous edís de Marea votaron en contra. Xabier Pérez, polo Bloque, valorou a ordenación provisional como unha “trampa” que xera “inseguridade xurídica” e pediu un novo Plan Xeral acordado. Rubén Perez, voceiro de Marea, afirmou que o instrumento non resolve o problema do urbanismo vigués, pediu crear unha comisión de planeamento para o novo Plan e augurou procesos xudiciais contra a Ordenación Provisional.

O voceiro do PP, Alfonso Marnotes, indicou que o documento aprobado aporta seguridade xurídica e definiuno como un “paso importante” e “bo” para a cidade. Asegurou que responde a que a Xunta de Galicia lexislou ao efecto e lamentou que hoxe se retome unha ordenación aprobada polo Pleno hai trece anos.

O voceiro do grupo socialista, Carlos Font, valorou o de hoxe como un día “agardado pola cidade”, defendeu que o goberno de Vigo está “para dar solucións” e así o fai cunha Ordenación Provisional que recupera edificabilidade tanto para particulares como para empresas.

Font lamentou que o BNG “obstaculice” esta ferramenta cando o Plan de 2008 -do que se recupera a ordenación no solo consolidado- está “identificado” precisamente co Bloque. Sobre o Partido Popular, denunciou que a Xunta de Galicia parou a coñecida como vía Parejo para salvar as consecuencias da anulación do PXOM e atrasou un ano o abono da parte económica que lle corresponde para financiar a redacción do novo PXOM.