O Pleno reclama á Xunta que aporte 5 millóns adicionais á rehabilitación do Casco Vello de Vigo

Aprobada a moción do PSOE coa que se insta ao Consorcio do Casco Vello a facilitar aparcadoiros e prezos reducidos aos propietarios e inquilinos do barrio histórico da cidade. O PP votou a favor de solicitar á Xunta de Galicia que amplíe a súa achega económica á recuperación da zona.
Publicado por o día 26/09/2019 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Pleno reclama á Xunta que aporte 5 millóns adicionais á rehabilitación do Casco Vello de Vigo

O Pleno Municipal de Vigo aprobou este mércores unha moción do grupo socialista na que se insta á Xunta de Galicia a facilitar aparcadoiros e prezos reducidos aos propietarios e inquilinos de vivendas e locais do Casco Vello. A proposta, defendida polo concelleira María José Caride, obtivo o voto a favor, en parte, do grupo municipal do PP.

“As vivendas e locais rehabilitados polo Consorcio do Casco Vello non contan con prazas de aparcamento. Esta situación podería repercutir negativamente sobre a demanda de locais e vivendas, por este motivo, parece axeitado propoñer que o Consorcio se involucre na procura de prazas de aparcamento no Casco Vello”, sinalou o concelleira socialista.

Tanto o concelleiro non adscrito Xabier Pérez Igrexas (BNG) como a edil do grupo mixto Oriana Méndez (Marea de Vigo) apostaron por poñer en marcha tamén novas medidas que favorezan a actividade comercial, vivenda pública e máis servizos, así como reducir o uso do coche e crear un Vigo Central peonil.

No caso do grupo do PP, o voceiro Alfonso Marnotes indicou que a responsabilidade de facer aparcamentos no barrio corresponde ao goberno local, pero estivo a favor de que a Xunta aporte 5 millóns de euros adicionais ao Consorcio, polo que os puntos da moción foron votados por separado.

Así, saíu adiante a petición de facilitar aparcamentos a prezos reducidos aos propietarios e inquilinos cos votos a favor do PSOE e a oposición do PP, mentres que a Marea abstívose. No caos dos dous seguintes puntos, que fan referencia a incorporar unha dotación de 222.222 euros e un plan de actuacións 2018-2022, coa achega de 5 millóns da Xunta, aprobouse cos votos a favor de PSOE e PP.

Aparcadoiro Hospital Álvaro Cunqueiro

Ademais, tamén recibiu o visto e prace a moción do grupo municipal socialista instando á Xunta a decretar a gratuidade do aparcadoiro do Hospital Álvaro Cunqueiro e a cesión ao Concello de Vigo da parcela 5 do complexo hospitalario. Neste caso, votaron a favor PSOE, Marea e BNG, mentres que o PP pronunciouse en contra.