O Porriño amosa o seu orgullo polo Premio da Cultura Galega ao Festival de Cans, o primeiro festival de cinema que recibe esta distinción

Por o 11/01/2019 | Sección: Galicia,O Porriño
O Porriño amosa o seu orgullo polo Premio da Cultura Galega ao Festival de Cans, o primeiro festival de cinema que recibe esta distinción

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, acompañou este venres ás veciñas e veciños de Cans que viaxaron ata o mosteiro de Montederramo, na Ribeira Sacra, onde Keka Losada -presidenta da Asociación Arela-, Alfonso Pato e a “Señora Alicia”, veciña de Cans que colabora activamente co festival, recibiron hoxe o Premio da Cultura Galega que outorga o Goberno de Galicia.

O xurado indicou que o galardón para Festival de Cans, está baseado no feito de que é “un encontro audiovisual de produción galega, onde outras manifestacións culturais tamén xogan un papel relevante. Organizado anualmente pola Asociación Cultural Arela, baixo a dirección de Alfonso Pato, na parroquia de Cans, coincidindo co festival de Cannes de Francia, en boa medida polo paralelismo entre os dous nomes. Cunha programación de curtas, estreas de filmes e documentais, coloquios con cineastas, rutas sonoras e diversas actividades que chegan actualmente a máis de 13.000 persoas, Cans convértese nun punto de encontro da creación galega emerxente e nunha gran plataforma de difusión dos novos creadores e creadoras.”

García de la Torre amosou o orgullo de todas as veciñas e veciños do Porriño por esta distinción, “a máis importante no eido cultural que outorga o Goberno de Galicia e que, e isto ainda afonda máis o orgullo de ser do Porriño e o recoñecemento ao traballo da organización e dos veciños de Cans, é a primeira vez que se conceda a un festival de cine”.

A alcaldesa confirmou que “o meu compromiso, como fixen dende que cheguei á Alcaldía”, é seguir incrementando a colaboración, “en todos os ámbitos”, dende o Concello do Porriño co Festival de Cans, empezando pola achega económica que, lembrou Eva García de la Torre, xa foi na edición pasada a máis alta da historia do festival.

Comentar noticia

Your email address will not be published.