O porto de Vigo acolle o segundo curso de formación para inspectores pesqueiros de Guinea, Mauritania e Madagascar

Coordinado pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), contará co apoio do Porto de Vigo e a Fundación MarInnLeg.
Publicado por o día 27/11/2018 na sección de Galicia,Vigo

O porto de Vigo acolle o segundo curso de formación para inspectores pesqueiros de Guinea, Mauritania e Madagascar

Tras o éxito cultivado na súa primeira convocatoria o pasado mes de xuño, a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) volveu a confiar no Porto de Vigo para acoller o segundo curso de formación no training hub Porto de Vigo.
 
A Conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada polo Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique C. López Veiga, e a oficial de pesca de FAO, Alicia Mosteiro, foron os encargados de inaugurar o curso no que participarán un total de 13 inspectores procedentes de Guinea, Mauritania e Madagascar.
 
Durante 13 días, os participantes recibirán formación teórica e práctica da man de inspectores do Servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia, do corpo de Inspección Pesqueira da Secretaría Xeral de Pesca Marítima, expertos de FAO e a Comisión Europea, OMI, EFCA e ITLOS.
 
O pasado mes de xuño desenvolveuse o primeiro curso na sede dun dos seus training hub, emprazado no Porto de Vigo, recoñecendo o seu labor e apoio a través da estratexia Blue
 
Growth. Neste primeiro curso participaron 12 representantes dos servizos de inspección pesqueira de catro países de América Latina. O éxito desta edición, levou a FAO a continuar cunha segunda edición, nesta ocasión, dirixida a tres países de África francófona.
 
O curso, que levará a cabo no Edificio de Sesións da Autoridade Portuaria de Vigo, está coordinado pola propia FAO co apoio do Porto de Vigo e a Fundación MarInnLeg, presidida pola Conselleira do Mar, Rosa Quintana, e xurdida ao redor da estratexia de Crecemento Azul. Unha fundación público-privada para a innovación e estudo de asuntos xurídicos marítimos e pesqueiros que pretende, entre outras cousas, contribuír a un desenvolvemento socio-económico sustentable do sector marítimo galego a través do fomento e transferencia do coñecemento xurídico nesta materia.
 

Referente en transparencia e boas prácticas

 
O Porto de Vigo converteuse nun referente de transparencia e boas prácticas na loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e nun exemplo na aplicación dos principios de Crecemento e Economía Azul. Tanto é así que a propia Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) elixiu ao Porto de Vigo como núcleo de formación rexional en materia de pesca ilegal, non regulada e non regulamentada.
 
Esta elección por parte dun organismo oficial como a FAO supón un gran recoñecemento ao traballo que, desde hai xa dous anos, vén desenvolvendo o Porto de Vigo na súa estratexia de Crecemento Azul (Blue Growth), o que demostra, ademais, a importante reputación que tanto a Autoridade Portuaria como o Porto de Vigo están a gañar a nivel internacional.
 
Para a Autoridade Portuaria de Vigo é unha gran honra estar asociado a unha das institucións máis prestixiosas do mundo, que lidera o esforzo internacional para lograr a seguridade alimentaria para todos e, ao mesmo tempo, garantir o acceso regular a alimentos suficientes e de boa calidade para levar unha vida activa e sa. Con máis de 194 Estados membros, a FAO traballa en máis de 130 países.
 
O curso que se inaugurou oficialmente esta mañá virará en torno ao “Fortalecemento de capacidades para a aplicación do Acordo sobre Medidas do estado Reitor do Porto (PSM)”, o primeiro tratado internacional de carácter vinculante centrado especificamente na pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (pesca INDNR), cuxo obxectivo é o de previr, desalentar e eliminar a pesca INDNR. Desta maneira, o acordo reduce os incentivos para que estes buques
 
continúen operando e, ademais, frea o fluxo de produtos pesqueiros derivados da pesca INDNR cara aos mercados nacionais e internacionais. A aplicación eficaz deste acordo contribúe, en última instancia, á conservación a longo prazo e o uso sustentable dos recursos mariños vivos e os seus ecosistemas. As súas disposicións aplícanse aos buques de pesca que soliciten entrar a un porto designado dun Estado que sexa diferente do seu Estado do pavillón.
 
Co ánimo de fortalecer a aplicación do PSM, a FAO coordina un programa dirixido a fortalecer as capacidades dos corpos de inspección pesqueira dos países asinantes do Acordo. Para iso, a FAO creou uns Núcleos de Formación Rexional (Training Hub) en diferentes puntos da xeografía, sendo o Porto de Vigo o referente para as actividades de formación en África e América Latina.