O PP acusa o alcalde de utilizar a 1.600 familias como reféns en campaña electoral para non aprobar o Plan Parcial de Navia

O PP lembra que a modificación do plan parcial ten todos os informes favorables, foi aprobada pola Xerencia de Urbanismo e non vai condicionada a nada

O portavoz do grupo municipal do PP, Alfonso Marnotes, e a concelleira Teresa Egerique ofreceron, esta mañá, unha rolda de prensa na que acusaron a Abel Caballero de utilizar a 1.600 familias como reféns en campaña electoral para non aprobar o Plan Parcial de Navia. “Parécenos moi grave o que está a facer o alcalde. Está a utilizar de reféns a 1.600 familias que queren instalarse en Navia e estao facendo só por un interese electoral. Está a dicir publicamente que supedita a aprobación do Plan Parcial de Navia a que a Xunta constrúa un instituto en Navia. É mentira. Faio para desviar a atención e xustificar que o Concello non pon diñeiro, nin un euro”, lamenta Alfonso Marnotes.

O PP lembra que a modificación do plan parcial ten todos os informes favorables, foi aprobada pola Xerencia de Urbanismo e non vai condicionada a nada. “O protocolo é papel mollado, non obriga a nada. É unha coartada do alcalde para visibilizar que fai algo nunha actuación de 48 millóns de euros de investimento público e outros 200 para construír as vivendas nas que o Concello non pon nin un duro. Navia ampliarase sen que o Concello faga outra cousa que unha tramitación administrativa. O consello de xerencia convocouse o venres pasado antes da convocatoria das eleccións galegas con toda a documentación completa, e agora, en plena campaña, o alcalde condiciona a aprobación. É unha cacicada”, engadiu Marnotes.

“Vigo necesita esas vivendas porque o prezo da compra de vivenda é prohibitivo e os alugueres están polas nubes. Vigo necesita esas vivendas porque somos 295.000 habitantes e necesitamos a esas 1.600 familias para chegar aos 300.000. Vigo necesita esas vivendas porque temos a mesma poboación que en 2007 pero con 16.500 persoas mozas menos. Non podemos esperar máis. Que non use ás familias de reféns nunha campaña electoral. Son 1.600 vivendas de protección autonómica a prezo alcanzable. Son 23.000 m2 de zonas verdes. 24.000 de dotacións. Máis de 1.200 prazas de aparcamento publico. 2.341 árbores”, engadiu o portavoz.

“Abel Caballero está a impedir que a cidade creza, está a paralizar a cidade. Vigo non crece, a xente non pode vir vivir aquí porque non hai vivenda. Non pode condicionar a construción de 1.600 vivendas protexidas a prezo alcanzable e ademais el sabe perfectamente que non pode facelo. É outro capítulo máis da súa política de propaganda. Lamentable. É mentira, non pode facelo e ademais non é necesario convenio algún para que a Xunta actúe”, concluíu Marnotes.

Pola súa banda, a concelleira Teresa Egerique agradeceu á Xunta de Galicia a súa implicación en materia educativa con Vigo, co anuncio da implantación dun novo centro no edificio dos xulgados da rúa Lalín. “O centro será un Liña 4 con Secundaria e os tres bacharelatos (arte, humanidades e tecnolóxico-innovación) e capacidade para 700 alumnos. Este recurso educativo vai permitir desconxestionar os IES Álvaro Cunqueiro e Alexandre Bóveda, así como Santa Irene e Santo Tomei”, explicou a concelleira.

Egerique defendeu que “a Xunta está a cumprir e ben, en materia educativa con esta cidade. Quero lembralo porque moitas veces púxose en dúbida neste Concello. A Administración autonómica está a facer un gran esforzo para atender a todas as necesidades da cidade, en moitas materias e áreas”, concluíu Teresa Egerique.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM