O PP bloquea 38 das 40 resolucións en chave social presentadas polo Grupo Común da Esquerda

Propostas para combater a precariedade, garantir o acceso á vivenda ou aumentar o investimento en sanidade e educación, entre as rexeitadas
Publicado por o día 27/09/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O PP bloquea 38 das 40 resolucións en chave social presentadas polo Grupo Común da Esquerda

O Partido Popular bloqueou na sesión plenaria do Debate sobre o Estado da Nación desta mañá 38 das 40 resolucións en chave social presentadas polo Grupo Común da Esquerda. “Votar en contra das nosas resolucións non é votar en contra do noso Grupo. É votar en contra de toda a cidadanía que quere un país máis xusto, máis verde e máis feminista”, reprochoulles Luca Chao aos deputados do Grupo Popular, que impediron a aprobación da gran maioría de iniciativas presentadas pola oposición.

Unha das propostas rexeitadas, apoiada polos demais grupos da oposición, propoñía destinar recursos orzamentarios á loita contra as violencias machistas. “Defendemos a necesidade de consignar o 1% do orzamento para loitar contra as violencias machistas. O 1%. Esta resolución non debera ser nin obxecto de debate. Se isto non é materia de consenso inmediato e absoluto igual teñen que repensar o servizo que están ofrecendo á cidadanía”, indicou Chao aos deputados do PP.

Rexeitáronse tamén medidas para combater a precariedade laboral, como reducir a taxa de temporalidade ou loitar contra o fraude dos falsos autónomos. “O previsible non do grupo popular é un non ás 140.000 persoas desempregadas neste país. E é un non a atender as demandas da clase traballadora mobilizada”, manifestou a deputada na súa intervención. Outra das resolucións presentadas polo Grupo Común da Esquerda tiña por obxecto a garantía do dereito á vivenda, loitando contra a especulación e destinando maior número de vivendas baleiras a uso social. “Abonda xa de burla. Non se pode dicir que se está facendo algo para garantir un dereito se nun ano soamente son atendidas dúas solicitudes. Urxe promover un Parque Público de Alugueiros e vivenda de protección autonómica que en 3 anos sexa capaz de dar resposta á demanda expresada”, manifestou Luca Chao.

O Partido Popular votou tamén en contra de poñer fin á manipulación informativa na CRTVG, da clausura da Mina de Touro, de camiñar cara á transición enerxética, de dotar a Galicia dunha Fiscalía Anticorrupción, de mellorar a Atención Primaria en Galicia e a situación do persoal do SERGAS, da nacionalización da AP9 e o traspaso das competencias a Galicia, da defensa do sistema público de pensións ou de blindar o ensino público camiñando cara á conversión dos centros concertados en públicos. Ademais, nesta xornada de Folga contra a Emerxencia Climática, o Partido Popular votou tamén en contra dunha resolución de apoio á mocidade mobilizada para salvar o planeta. “Faltou honestidade para recoñecer a enorme lección que Greta Thunberg e milleiros de mozas e mozos en todo o planeta están dando aos responsables políticos que nos trouxeron ata aquí. Honestidade para recoñecer que non se está abordando a catástrofe climática como se debería”, declarou Luca Chao.

Resolucións aceptadas. Unha das propostas elaboradas polo Grupo Común da Esquerda que foi aprobada fíxoo co voto unánime de toda a Cámara: a toma de medidas do Goberno galego perante o Brexit. A resolución insta á Xunta a facilitar o retorno e ocupación dos traballadores e traballadoras galegos emigrados no Reino Unido que teñan que abandonar o Estado como consecuencia do Brexit, e recolle tamén a necesidade de garantir a continuidade da frota galega nas augas británicas. A segunda das resolucións aceptadas, cun engadido realizado polo Grupo Popular, insta á Xunta a demandarlle ao Goberno do Estado a transferencia dos fondos retidos polo Ministerio de Facenda e que adebeda a Galicia. A resolución tamén contempla a necesidade de camiñar cara a un maior grao de autonomía financeira.

Comentar noticia

Your email address will not be published.