O PP converteu a Feira do Xamón da Cañiza nun “mitin político”

Publicado por o día 17/10/2018 na sección de Política,PSOE

O PP converteu a Feira do Xamón da Cañiza nun “mitin político”

A deputada socialista Patricia Vilán denunciou hoxe no Parlamento de Galicia que o Concello de A Cañiza converteu a LII Feira do Xamón nun “mitin político” ao que só convidou a representantes do PP. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión Institucional do Parlamento diante do que cualificou de “lamentable acto de patrimonialización política dunha feira gastronómica”.

Vilán denunciou que “o evento foi organizado polo Concello da Cañiza e pagado con cartos públicos para dar visibilidade só aos afiliados do PP, para o seu lucimento persoal e do seu partido”. Sinalou a clamorosa ausencia dos representantes dos cidadáns que “non foron invitados”, como os 6 concelleiros de concelleiras socialistas e ningún representante da Deputación”.

Acusou ao PP de xestionar o Concello “coma o seu propio cortello”, ao que invitaron a quen quixeron sen a mínima mostra de respecto institucional. Si que estiveron presentes, aquel 15 de agosto, o vicepresidente da Xunta, a directora xeral de Turismo, o alcalde, parlamentarios autonómicos, alcaldes do PP, concelleiros e concelleiras do mesmo partido e demais representantes do goberno galego, así como o director xeral de Administración Local e o xefe territorial da Xunta.