O PP critica que Abel Caballero non sexa capaz de reclamar a Pedro Sánchez que os voos do Imserso saian de Peinador

En numerosas ocasións, Caballero pediullo ao goberno de Mariano Rajoy, pero cando se trata de Pedro Sánchez non é capaz de reclamar nada para Vigo
Publicado por o día 12/10/2019 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

O PP critica que Abel Caballero non sexa capaz de reclamar a Pedro Sánchez que os voos do Imserso saian de Peinador

O portavoz do grupo municipal do PP, Alfonso Marnotes, critica que Abel Caballero non foi nin é capaz de reclamar ao goberno socialista de Madrid que os voos do Imserso saian de Vigo. Os usuarios deben trasladarse a Santiago desde Pontevedra en autobús, no canto de facilitárselle que saian desde Peinador.

“O alcalde chegou a reclamar, en multitude de ocasións ao goberno central de Mariano Rajoy, que o aeroporto de Vigo fose punto de saída destas viaxes. Agora, cando estivo gobernando o socialista Pedro Sánchez, non dixo absolutamente nada”, afirma o portavoz Alfonso Marnotes.

Afirmacións como ‘que o Imserso déixese de favoritismos a Santiago e de maltratar aos usuarios de Vigo’ ou ‘o Imserso outra vez ás andadas’ foron realizadas por Abel Caballero no ano 2017 e agora é escravo das súas palabras. “Desde que goberna Pedro Sánchez non dixo nin mú. E preguntámonos se entón o que estaba mal con Mariano Rajoy agora está ben co PSOE en Madrid. Non se atreve a reclamar nada. Xa estamos afeitos ao seu silencio e á súa falta de iniciativa”, engade Marnotes.

O grupo municipal do Partido Popular lémbralle ao alcalde que, no ano 2016, enviou cartas á directora xeral do Imserso e ao Ministerio para que resolvesen esta cuestión. Desde que o PSOE gobernou en Madrid non fixo ningunha xestión máis.

Isto demostra que Abel Caballero non goberna para os vigueses, goberna para si mesmo. E se a súa firma non pode aparecer nos convenios, non lle interesa nada. O Partido Popular pídelle que se preocupe dos cidadáns e que defenda a cidade onde ten que defendela, non facendo monólogos nos estudios de televisión. “Queda en evidencia con estas situacións”, conclúe Alfonso Marnotes.