O PP critica que o orzamento municipal aumentará porque os vigueses pagarán máis cos seus impostos

O diñeiro recadado co ‘impuestazo’ non se destinará a investimentos na cidade senón a sufragar gastos correntes e de persoal do propio Concello
Publicado por o día 25/10/2019 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

O PP critica que o orzamento municipal aumentará porque os vigueses pagarán máis cos seus impostos

O portavoz popular, Alfonso Marnotes, compareceu hoxe, en rolda de prensa, para explicar o proxecto de Orzamentos municipais, aprobado onte en Xunta de Goberno local. “Os números son números, non son manipulables, e por tanto non mentimos”, aclarou.
 
No que respecta ao incremento de 10 millóns de euros, “imos dicir a todos os vigueses, que eses 10 millóns de euros saen da subida de impostos, do impuestazo que van pagar todos os cidadáns. E destes, 8,5 millóns van servir para pagar os gastos de persoal do concello e os gastos correntes (contratos, luz, auga, limpeza, seguridade…) É dicir, que, practicamente, eses 10 millóns non se invisten en nada, non hai ningún investimento a maiores na cidade. Os gastos de persoal e o gasto corrente cómense o 85% incremento orzamentario”, explicou Alfonso Marnotes.
 
En canto ao deporte, o orzamento destinado descende en 4 millóns. “Se en 2019 a cantidade que se destinaba eran case 5 millóns para pavillóns e campos de deporte, agora dedícase apenas medio millón. Que nos explique Abel Caballero que se pode facer con 553.000 euros en infraestruturas deportivas”, afirmou o portavoz popular.
 
En Política Social, “hai un dato sanguento e é que as axudas ao aluguer, vivenda, alimentos e electricidade diminúen de 1.640.000 a 1.550.000 euros. É inadmisible”.
 
Por último, Marnotes tamén lamentou que os investimentos en humanizacións sexan outra tomadura de pelo. “Refórmanse as rúas a anacos, co cal non todos os veciños son iguais. E onde están as humanizacións da Miñoca, Praza de Portugal ou praza da rúa Coruña? E a reforma do paseo de Bouzas ou o paseo de Bouzas a Samil? Nada de nada”.
 
Para rematar, Marnotes destacou que a execución do orzamento, nos 9 meses que levamos de ano, só foi do 52% e só o 27% para investimentos. “Que os vigueses saiban que van pagar máis cos seus impostos, pero que non se vai a investir máis na cidade”, concluíu.