O PP denuncia que “o alcalde está a utilizar os premios de Vigueses Distinguidos para facer campaña electoral”

Miguel Fidalgo lamenta o “mal que lle sentou a maioría absoluta ao alcalde”, que pretende dar “carnés de bos e malos vigueses coma se vivísemos nun apartheid”: “Emprega os premios para dividir e confrontar”
Publicado por o día 22/03/2019 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

O PP denuncia que “o alcalde está a utilizar os premios de Vigueses Distinguidos para facer campaña electoral”

O concelleiro popular Miguel Fidalgo denunciou que “o alcalde está a utilizar os premios de Vigueses Distinguidos para facer campaña electoral”. Así, detalla, estes galardóns, que sempre estiveran “consensuados”, convertéronse nunha escusa do rexedor para dar “carnés de bos e malos vigueses coma se vivísemos nun apartheid”.
 
“A maioría absoluta sentoulle moi mal, e un ano máis volve utilizar politicamente estes premios. Está a facer campaña electoral con eles distinguindo entre vigueses bos e malos, utilizándoos para dividir e confrontar”, continuou o edil popular, quen se pregunta “como se entende que non queira darllo a todos os taxistas, senón a algúns taxistas, ou a todo o persoal sanitario, senón aos ex xefes de servizos de Atención Primaria”, detallou.
 
Neste marco, Miguel Fidalgo reiterou que a proposta do Partido Popular “segue sendo distinguir a todo a persoal da área sanitaria de Vigo, mulleres e homes que traballan día a día, independentemente de que consideren que hai cousas que se poden mellorar”.
 
Unha proposta que, tal e como detalla o concelleiro popular, é a única que pode facer o PP, a pesar de que o propio alcalde, en rolda de prensa, informou de que o número sería “proporcional á representación no pleno”. “Presentamos un escrito formal que segue sen resposta, e onte, nunha conversación de garaxe, #dicir á nosa portavoz que só temos unha proposta, e que debe valorala o alcalde para ver se a inclúe”, engade.
 
“Esta é a democracia en Vigo”, continuou Fidalgo Igrexas, quen sinalou que o seu grupo está xa “curado de espantos”. Así mesmo, preguntouse “por que o ano pasado o Consorcio do CCVV non valía para ser Vigués Distinguido e este ano o de ZFV, si”: “Vai entregar o premio cunha man e vaino a recoller coa outra?”
 
Unha distinción a Zona Franca que, como lembra Fidalgo, tiña “moito máis sentido o ano pasado”, que é cando cumpría 70 anos, “pero entón gobernaba o PP, e agora faio o PSOE”. “Este é o mellor exemplo da arrogancia, o egocentrismo, a soberbia e a prepotencia dun alcalde que só se escoita a si mesmo. Por fortuna, Vigo é moito máis que un alcalde do pasado”, resaltou.
 
Fidalgo valorou positivamente o resto de galardóns anunciados ata o momento -o artista Diego Giráldez, o director da Coral Casabranca Óscar Villar, e os centros educativos que cumpren 25 anos-, e lamentou que Caballero actúe “mal nas formas e interesadamente mal no fondo, usando uns premios de consenso para a súa campaña electoral”.
 
“Este mandato foi unha deriva dun alcalde ao que lle sentou fatal a maioría absoluta. Empezou vetándonos a Rede Nai; logo quitoulle a distinción o Consorcio do Casco Lanuxe; despois, reduciunos de dous a un o número de propostas; e agora decidiu que os premios son ao seu gusto, en función do que el considere un vigués bo e un vigués malo”, concluíu.