O PP denunciará ante o Consello de Contas ao goberno local por “falsear” as contas para pagar a quebra do Auditorio

A popular subliña que para pagar antes do 31 de decembro os 35 millóns da indemnización, o goberno local acudiu a “remanentes, vendeu patrimonio municipal, desviou diñeiro da Xerencia de Urbanismo, e terminou inventándose ingresos”
Publicado por o día 24/01/2019 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

O PP denunciará ante o  Consello de Contas ao goberno local por “falsear” as contas para pagar a quebra do Auditorio

A portavoz popular Elena Muñoz anunciou hoxe que o PP vai denunciar ante o Consello de Contas as irregularidades contables do Concello por “falsear” as contas para terminar de facer fronte á quebra do Auditorio.
 
Neste sentido, a líder dos populares subliñou que, para pagar á concesionaria antes do 31 de decembro os máis de 35 millóns da indemnización, o executivo municipal acudiu a “remanentes, vendeu patrimonio municipal, desviou diñeiro da Xerencia de Urbanismo, e terminou inventándose ingresos” por unha “suposta venda” do Reitorado que “aínda non se produciu e falta moito para que se produza”.
 
“Parécenos gravísimo. Computáronse como ingreso nas contas do concello 5,6 millóns inexistentes. Non todo vale, e desde logo non vale pintar ingresos ficticio por unha venda apañada con Zona Franca para poñer un despacho ao señor Regades no centro de Vigo”, lamentou a popular, quen indicou que existe un “procedemento legalmente establecido para garantir os bens públicos de todos os vigueses”.
 
Un procedemento, prosegue, polo que o edificio aínda debe ser desafectado do dominio público, superar o trámite de alegacións aberto ata o próximo 14 de febreiro, ser referendada a venda polo Pleno do Concello e, “só despois, iniciarse este proceso”.
 

Tres días sen unha soa explicación

 
Neste marco, Elena Muñoz denunciou o “manexo contable” que está a facer o goberno local, e criticou que 3 días despois de coñecerse o movemento non ofrezan “nin unha soa explicación clara escudándose en insultos e descualificacións”.
 
“Non imos admitir chanchullos contables e que se incumpra a lei. Estamos cansados de que cando se fai unha denuncia deste tipo, no canto de dar aclaracións punto por punto, ao que se recorre é ao insulto fácil e á descualificación. Parece mentira que isto pretenda ser un goberno serio”, advertiu.
 
Unha forma de actuar que, como resalta, no caso do Auditorio “custounos 70 millóns de euros por “a incapacidade absoluta do goberno local para manter a viabilidade do Mar de Vigo”. “Esta era a crónica dunha morte anunciada polo Partido Popular e negada polo alcalde, e que ao final se produciu. E encima agora véndeo como unha excelente noticia; é o colmo da falta de respecto que mostra cos vigueses”, remata.