O PP destaca que a Comisión de O Marisquiño demostrou que “Caballero mente ao afirmar que o festival contaba con todos os permisos necesarios”

O portavoz da Comisión, Alberto Pazos, subliña que “hoxe sabemos que só se tramitaron as autorizacións do descenso en bicicleta e dos concertos”

O portavoz da Comisión de Investigación de O Marisquiño, Alberto Pazos, fixo balance hoxe das comparecencias ante a Comisión de Investigación de O Marisquiño, subliñando que as intervencións de técnicos municipais demostraron que “Caballero mente ao afirmar que o festival contaba con todos os permisos necesarios”.
 
Neste sentido, Pazos, que estivo acompañado polas deputadas autonómicas viguesas Teresa Egerique e Marián García, indicou que “hoxe sabemos que só se tramitaron as autorizacións do descenso en bicicleta e dos concertos”.
 
“Hoxe sabemos que nin o skateboarding, nin o BMX, nin o Dirt Jump, nin o Basket 3×3, nin o break dance, nin o FMX, nin a zona de grafiti contaban coa licenza. E hoxe sabemos que tampouco se tramitaron os permisos municipais para os circuítos de competición, nin para as carpas, nin para os postos de restauración; nin tan sequera para as bancadas do público”, profunda.
 
Unha “ gravísima circunstancia” que, como expón Pazos, “non foi froito dun erro ou dun esquecemento”, como explicou o enxeñeiro da área de Seguridade do Concello de Vigo,
 
que dixo textualmente: “En canto a que non está autorizado o evento, está autorizado o que solicitaron, concerto e descenso en bicicleta polo Casco Vello”.
 
O portavoz da Comisión indicou que, ante esta resposta, preguntóuselle ao enxeñeiro se non lle chamaba a atención este feito, ao, tamén textualmente, respondeu: “A min tamén me chocou, e consulteino á Xefatura de Seguridade. Solicitáronme soamente isto e eu recibo instrucións claras de que… informa só o que solicitaron”.
 
Neste marco, Pazos lamentou que o goberno local non tomase “ningunha medida para aclarar este tema”. “Non entendemos que, sabendo que se vai a celebrar un evento de 40.000 asistentes diarios, o Concello sexa capaz de mirar para outro lado e manter unha actitude tan irresponsable como a de non realizar as mínimas comprobacións”, lamentou.
 

Comprobación doutros eventos

 
Unhas comprobacións que, como detalla, si que se realizaron en anteriores eventos, nos que se examinou a capacidade de carga dos espazos, como tamén informou o mesmo funcionario municipal. “Por que non se fixo neste caso?”, preguntouse, sinalando que a Lei de Espectáculos de Galicia é “moi clara” ao determinar que “é o concello o que ten que realizar as comprobacións sexa quen sexa o titular do terreo”.
 
Non en balde, e como resalta, o que se afundiu “non foi un peirao”, senón o antigo aparcadoiro do Náutico cuxa concesión se rescatou para ser incorporada ao proxecto ‘Abrir Vigo ao Mar’, integramente entregado ao Concello de Vigo para “o seu goce, mantemento e conservación”. “Ese proxecto chámase hoxe Paseo das Avenidas, e é de responsabilidade municipal desde os seus cimentos ata o alto do último farol”, engade.
 
Ante toda esta documentación, Alberto Pazos confiou en que o goberno local “deixe de esconderse detrás de cortinas de fume e de informes técnicos de dubidosa legalidade, solicitados ‘ad hoc’ a un goberno amigo”. Así, lamentou o “boicot socialista ao Parlamento galego”, sinalando que hai máis de 60 antecedentes nos dous últimos anos de comparecencias de distintos concelleiros en Madrid, Valencia ou Murcia. “O xoves teremos a oportunidade de comprobar se existe un cambio de actitude”, concluíu.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM