O PP en contra de incluír o galego nas plataformas dixitais Netflix e Movistar+

Olalla Rodil lembra que o galego é a única lingua excluída das plataformas dixitais Netflix e Movistar+ que ofrecen os seus contidos en catalán e euskera
Por o 28/02/2019 | Sección: BNG,Política
O PP en contra de incluír o galego nas plataformas dixitais Netflix e Movistar+

A deputada do BNG, Olalla Rodil instou hoxe á Xunta a garantir  os dereitos lingüísticos das galegas e dos galegos e que cumpra o Plan Xeral de Normalización Lingüística. “O galego debe ser unha lingua con presenza en todos os espazos, tamén no audiovisual e debe garantirse o acceso a contidos no noso idioma propio especialmente dirixidos á mocidade”, afirmou.

A deputada puxo como exemplo do incumprimento do Plan de Normalización Lingüística, a estrea, o pasado 1 de febreiro, do filme Dragon Ball Super Broly que foi distribuído en castelán, catalán e euskera pero  non en galego. “Máis unha vez, recalcou a deputada,  a lingua propia de Galiza fica excluída das salas de cinema ao igual que  nas plataformas audiovisuais dixitais (Netflix e Movistar+) o que supón unha vulneración dos dereitos lingüísticos das galegas e galegos e o  incumprimento do Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004”, polo que que instou á Xunta a “dobrar ”cando menos 10 filmes ao ano daqueles que teñan mellores previsións comerciais –como é o caso de Dragon Ball Super Broly, algo que non se cumpre.

Acceder a filmes en lingua galega nas salas de cinema de Galiza é “misión imposíbel”,  tanto en creacións propias como producións estranxeiras. O caso de Dragon Ball, explicou, é un exemplo máis, especialmente gravoso se temos en conta que é unha serie de recoñecido prestixio internacional e cun gran seguimento  no noso país grazas á emisión polo Xabarín Club da serie homónima. Pero non  é o único exemplo, “tampouco a próxima estrea do filme Elisa e Marcela en Netflix contará con versión en galego. A película dirixida por Isabel Coixet non foi gravada en galego e tampouco será distribuída na lingua propia de Galiza e das protagonistas do primeiro matrimonio lésbico de Europa”.

O galego, afirmou Rodil, é a única lingua excluída das plataformas dixitais Netflix e Movistar+ que ofrecen os seus contidos en catalán e euskera porque os Gobernos vasco e catalán levan anos desenvolvendo a difusión e promoción tanto da creación propia, así como da dobraxe ou subtitulado de producións punteiras, prestixiosas e actuais ás súas linguas.

Cando o BNG impulsou no Parlamento, en maio de 2018, unha iniciativa para que a Xunta de Galiza garantise o acceso á versión orixinal subtitulada ao galego nestas plataformas, o Partido Popular votou en contra amosando unha vez máis a súa nula vontade por normalizar a lingua galega, especialmente entre a mocidade, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.