O PP esixe a Caballero “transparencia” e que mostre os informes de seguridade que avalen a apertura de Gol e Marcador

O concelleiro popular, Miguel Fidalgo, sinala como obxectivo principal “garantir a seguridade dos afeccionados” que acoden a Balaídos: “O vindeiro luns hai partido e non queremos que se xogue coa integridade das persoas”
Publicado por o día 02/01/2019 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

O PP esixe a Caballero “transparencia” e que mostre os informes de seguridade que avalen a apertura de Gol e Marcador

O concelleiro popular, Miguel Fidalgo, esixiu hoxe a Caballero que “por unha vez actúe con transparencia” e mostre os informes de seguridade que poidan avalar a apertura das bancadas de Gol e Marcador dunha forma segura. Esta petición prodúcese tras coñecerse a decisión do club vigués de non abrir ditas bancadas no próximo encontro do día 7 de xaneiro ata que “non reciban os certificados de seguridade correspondentes e así evitar calquera posibilidade de accidente”.
 
O concelleiro popular, sinalou que o obxectivo principal nesta situación é “garantir a seguridade dos afeccionados” que acoden a Balaídos. “O que pretende o Celta con esta decisión é o mesmo que buscamos no PP de Vigo. O vindeiro luns hai partido de liga e non queremos que se xogue coa integridade das persoas”, remarcou.
 
Fidalgo subliñou a crecente “inseguridade e intranquilidade” que están a sufrir os seguidores e as numerosas penas do club que acoden aos partidos cada fin de semana. Estas últimas xa pediron ao club a súa recolocación por medo a que se produza “un novo Marisquiño” debido aos danos e o “estado lamentable” que mostran ambas as bancadas. “Penas como a de Carcamáns, Merlegos ou Centolos contan cunha gran cantidade abonados, moitos deles nenos pequenos e xa comprobaron, como todos nós, os danos que hai, sobre todo na bancada de Marcador”, detallou.
 
Neste contexto, Miguel Fidalgo lembrou que o estadio de Balaídos é unha instalación municipal, e como tal, o responsable máximo da mesma é o Concello de Vigo. “O goberno local debería dar explicacións claras e en lugar diso limítase a facer unha reforma exprés de 15.000 euros para logo sacarse unha foto e aparentar seguridade”, censurou o popular, cualificando esta medida de “tomadura de pelo” e de “risco” para os afeccionados.
 
Miguel Fidalgo criticou a ocultación de información, “unha vez máis”, por parte do goberno local, sinalando que desde o Concello seguen sen facilitar os informes solicitados por parte do grupo popular. “Se os teñen, tal e como ensinaron, por que non os entregan? Seica están a preparar uns informes á carta?” cuestionou o popular.
 
“Queremos toda a documentación para que os afeccionados estean tranquilos coa instalación”, incidiu Fidalgo, lamentando que Caballero estea “empeñado en botar ao Celta” da cidade na súa “política de boicot” contra unha das institucións “máis emblemáticas e con mais sentimento vigués como é o Celta”. “Queremos eses informes, pero tamén queremos apoiar ao Celta, porque apoiar ao Celta é apoiar a Vigo”, concluíu.