O PP esixe o fin da discriminación salarial dos policías locais e pide o “cesamento inmediato” do concelleiro de persoal “polas súas mentiras e a súa incapacidade manifesta” na xestión de persoal

Elena Muñoz transmite o seu total apoio ás reivindicacións dos policías locais e lembra que o seu grupo levou a pleno hai case un ano unha moción sobre a equiparación salarial, que foi aprobada por unanimidade: “Agora vemos que estes acordos son papel mollado”
Publicado por o día 05/02/2019 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

O PP esixe o fin da discriminación salarial dos policías locais e pide o “cesamento inmediato” do concelleiro de persoal “polas súas mentiras e a súa incapacidade manifesta” na xestión de persoal

A portavoz popular Elena Muñoz esixiu hoxe o fin da discriminación salarial dos policías locais, motivo polo que os axentes do corpo iniciaron hoxe protestas nas portas da Alcaldía, e pediu o “cesamento inmediato” do concelleiro de persoal “polas súas mentiras e a súa incapacidade manifesta” na xestión de persoal. O incumprimento do acordo plenario sobre a equiparación salarial da Policía Local cos bombeiros, é o último exemplo desta xestión, ao que se suma o desastre da convocatoria de oposicións, as denuncias dos bombeiros ou as sentenzas xudiciais contra as manobras en materia de persoal”, profunda.

“Hai case un ano, no pleno do Concello, aprobamos unha moción presentada polo Partido Popular na que pediamos que se acabase cunha discriminación retributiva que existe entre bombeiros e policías”, detallou a candidata popular, que lembra que dita moción foi aprobada por unanimidade. “Agora vemos que os seus acordos plenarios son papel mollado”, engade.

Neste sentido, Elena Muñoz transmitiu o seu total apoio a estas reivindicacións e cualificou a súa situación de “discriminatoria” xa que, dita equiparación, só busca que se recoñeza “algo tan simple” como que, en caso de accidente laboral, os axentes perciban o 100%” das súas retribucións.

A líder dos populares sinalou que a Policía Local acumula xa 11 anos de “discriminación”, xa que o primeiro acordo data do ano 2008, e agora que parecía que co acordo plenario do ano pasado ía desbloquear a situación, os axentes observan como “estiveron xogando con eles”.

“Queremos recoñecer o labor importantísima que desempeña a Policía Local, incrementando nos últimos anos de forma importante a seguridade cidadá e tamén protexendo ás vítimas de violencia machista. Teñen un comportamento exemplar”, relata Elena Muñoz, quen sinala que “están a traballar por encima das súas posibilidades” polo que a equiparación salarial é unha reclamación de “xustiza”.

Neste marco, a portavoz popular ha lamentado que o goberno municipal só emplée á Policía Local como “órgano de recadación” e para “facerse fotos” tras actuacións heroicas, mentres lles discrimina en retribucións, teñen falta de uniformes e chalecos, traballan o dobre por falta de oposicións e están nunhas “instalacións lamentables”.

“Só por isto debería cesarse inmediatamente ao concelleiro de Persoal. Pero é que ademais o señor Pardo non sabe como funciona a Administración pública, como demostran as sentenzas xudiciais en contra; ten aos bombeiros en contra; agora á Policía Local; os traballadores de ÓRAA; os de Parques e Xardíns… Este goberno socialista co seu alcalde socialista só fala de dereitos dos traballadores cando son doutra administración”, resaltou.

Visita da ministra de Industria e Turismo

A preguntas dos medios, a portavoz popular referiuse tamén á visita da ministra de Industria e Turismo de onte, lamentando que só servise para dicir que “os peores orzamentos xerais da historia de Vigo son bos para Vigo”. “Foi un auténtico bochorno. Podía explicarlles aos empresarios por que lles sobe o diésel prexudicando a competitividade de toda a industria e de sectores fundamentais como o automobilística”, apuntou, engadindo que “veu darse un paseo turístico e a ir de compras a unha multinacional que nin sequera é de aquí”.

Neste sentido, Elena Muñoz cuestionouse cal é o apoio que se deu ao comercio local ou que medidas de apoio ao sector anunciáronse. Un sector, apunta, que vive unha “situación insustentable”, con centenares de peches, e para o que ha avanzado “un ambicioso paquete de medidas de apoio que presentaremos proximamente”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.