O PP esixe que Elena Espinosa dimita ou que Abel Caballero a expulse porque hoxe confírmase que mentiu a todos os cidadáns

“Apareceron informacións gravísimas que poñen en dúbida que Espinosa poida continuar nun cargo público”, afirma Alfonso Marnotes
Publicado por o día 04/11/2019 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

O PP esixe que Elena Espinosa dimita ou que Abel Caballero a expulse porque hoxe confírmase que mentiu a todos os cidadáns

O portavoz popular, Alfonso Marnotes, compareceu hoxe, en rolda de prensa, para esixir a dimisión ou o cesamento da concelleira Elena Espinosa tras as novas informacións publicadas que a seguen relacionando á fronte dunha sociedade offshore en Panamá.

“Elena Espinosa mentiu alegando que cando se constituíu a sociedade era presidenta da Autoridade Portuaria. Mentira. Hoxe faise público o documento co cambio desas persoas e o seu nomeamento como directora e tesoureira da sociedade panameña no ano 1998. Espinosa enganou aos cidadáns cando pretendeu xustificarse cunha escritura de constitución que foi, posteriormente, rectificada. As súas explicacións foron unha farsa. A xustificación que deu, foi un paripé. Non fixo constar esa relación coa offshore no seu momento e non o fixo constar agora no seu rexistro de intereses no Concello”, explicou Alfonso Marnotes.

O portavoz popular engadiu que “Espinosa ocultou no rexistro de intereses que era a dirixente dunha empresa nun paraíso fiscal. Por tanto, seguiu mentindo a todos os vigueses, a todos os cidadáns. Que tería que facer Abel Caballero? Mandala ao grupo mixto se Espinosa non ten a decencia de dimitir”. No seu rexistro de intereses incumpriu a súa obrigación de declarar a súa vinculación con esa sociedade. Pero si fixo constar que forma parte de organismos e sociedades estatais: a Zona Franca e Renfe viaxeiros. Pode entón seguir sendo vogal en Zona Franca, que depende do Ministerio de Facenda?”, pregúntase Marnotes. “Vai seguir formando parte de sociedades e organismos estatais unha persoa que foi directiva dunha sociedade en Panamá, nun paraíso fiscal?

O Partido Popular tamén quere lembrar as palabras de Pedro Sánchez, cando dixo: “Un socialista non pode ter unha offshore, expulsaríao”.

“Os seus xefes téñena que botar, os seus xefes en Zona Franca, os seus xefes en Renfe e o seu xefe no Concello que é o señor Abel Caballero. E o alcalde? Que ademais é presidente da FEMP, que ten que dar exemplo, non só aos veciños, senón a todos os cidadáns de España, de todos os concellos que forman parte da FEMP, e que o único que fai é defender a unha señora que figura nunha empresa nun paraíso fiscal”, afirmou.

“Nós xa o pedimos e reiterámolo hoxe e as veces que faga falta. Elena Espinosa non pode seguir nin un minuto máis como concelleira do Concello de Vigo. Ten que dimitir, e se non dimite, que debería, para dar exemplo, o seu xefe en Vigo, Abel Caballero, tena que botar. Os dous non son exemplo de nada, agora mesmo. Espinosa ten que irse. Que se vaia ou que a boten”, concluíu Marnotes.