O PP espera a Caballero na Comisión de O Marisquiño para que por fin dea explicacións tras “190 días de silencio”

Teresa Egerique subliña que “ten os mesmos dereitos e deberes que calquera outro comparecente” e lamenta o “uso clientelar que está a facer das institucións públicas” para evitar comparecer
Por o 18/02/2019 | Sección: Galicia,Partido Popular,Política,Vigo
O PP espera a Caballero na Comisión de O Marisquiño para que por fin dea explicacións tras “190 días de silencio”
A concelleira popular Teresa Egerique subliñou hoxe que o PP espera a Caballero mañá na Comisión de Investigación de O Marisquiño para que por fin dea explicacións “tras 190 días de silencio”. “Esperámolo cos brazos abertos. Temos moitas preguntas que facerlle porque desde o día do accidente non lle escoitamos nin unha soa explicación”, incidiu.
 
Neste contexto, Teresa Egerique recalcou que o alcalde “ten os mesmos dereitos e deberes que calquera outro comparecente”, lamentando, en referencia á petición de ditame do Consello de Estado formulada hai unhas semanas, o “uso clientelar que está a facer das institucións públicas” para evitar comparecer.
 
Así, a concelleira popular ha lembrado a responsabilidade penal de non asistir salvo que exista unha “causa de forza maior”, que neste caso non hai. Unha obrigación establecida no artigo 502 do Código penal, que
 
determina unha posible pena de inhabilitación de entre 6 meses e 2 anos en caso de non acudir.
 
“Se está ben asesorado, sabe que mañá ás 12 ten que estar no Parlamento”, continuou Egerique, quen lembrou que antes debe comparecer o concelleiro de Seguridade, Carlos López Font, que leva “meses lavándolle a cara” ao alcalde neste tema.
 
Neste contexto, a popular confiou en que “o señor Font e o señor Caballero cumpran” e adopten unha actitude diferente á tomada polos seus compañeiros de goberno municipal, que “non achegaron nin un só documento nin responderon a unha soa das preguntas expostas”.
 
“O PSOE non está presente nin se lle espera. Iso si, chegan ao Parlamento os funcionarios municipais, e o señor Losada recíbeos no seu despacho e acompáñaos ata a porta dándolles as últimas indicacións. É unha pena porque non hai precedentes dunha ausencia así no resto de España”, lamentou.
 

“Moita elocuencia, pouca prudencia e algunha neglixencia”

 
Neste marco, Teresa Egerique defendeu a “legalidade e o bo facer” da Comisión a pesar das “dúbidas interesadas” do alcalde e o seu goberno, e convidoulle a acudir deixando ao carón as “ameazas e desprezos”. “Gustaríanos que tomase exemplo doutros comparecentes: os organizadores, os representantes dos colexios de enxeñeiros ou de avogados, ou os funcionarios do Porto, co presidente á cabeza. Todos eles acudiron con documentación e explicaron a súa versión dos feitos”, expón.
 
Unhas comparecencias que, ata a data e como relata, demostran que na organización do festival por parte do goberno local houbo “moita elocuencia, pouca prudencia e algunha neglixencia que aínda continúa sen explicar”, como a falta dunha licenza conxunta ou a realización de inspeccións só visuais da zona do concerto. “Mañá o alcalde e o concelleiro de seguridade teñen unha boa oportunidade para despexar dúbidas. Esperemos que non lle fallen aos vigueses”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.