O PP homenaxea aos seus ex concelleiros por “40 anos de traballo por Vigo antepoñendo os intereses xerais aos particulares”

Recoñece “o traballo desinteresado” de todos eles por Vigo, de José Manuel Figueroa e o resto de ex presidentes do partido, e en especial de “dous grandísimos alcaldes, Corina Porro e Manolo Pérez, que souberon dar a cara e non buscar personalismos”
Publicado por o día 06/04/2019 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

O PP homenaxea aos seus ex concelleiros por “40 anos de traballo por Vigo antepoñendo os intereses xerais aos particulares”

A candidata popular á Alcaldía, Elena Muñoz, acompañada da cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Ana Pastor, e polo presidente provincial, Alfonso Rueda, presidiu hoxe o acto de homenaxe aos ex concelleiros do Partido Popular na cidade, durante o que destacou os seus “40 anos de traballo por Vigo, sabendo antepoñer os intereses xerais aos particulares”.
 
Durante o acto, celebrado no Museo do Mar e no que participaron preto de 40 ex edís, Elena Muñoz subliñou que “as fotos que hoxe nos acompañan mostran o percorrido dos nosos concelleiros en 8 corporacións municipais, de 1983 a 2011, e poñen en valor o enorme orgullo de pertencer ao PP”.
 
“Sempre tendemos a pensar que o momento actual é o peor, pero aquí hai concelleiros que iniciaron a democracia ou que viviron a época máis terrible do terrorismo etarra”, proseguiu a candidata popular, quen resaltou a “defensa de Vigo” de todos eles, de “José Manuel Figueroa e o resto de ex presidentes do partido”, e en particular de “dous grandísimos alcaldes que deron a cara e non buscaron personalismos”.
 
Neste sentido, Elena Muñoz lembrou que “Manolo Pérez abriu o camiño para o primeiro cinto, para a VG-20, para a terminal de Bouzas ou para atender ás parroquias”; mentres que “Corina Porro soubo gobernar en minoría e sumar vigueses ao proxecto de humanizacións que alguén se quere agora apropiar”; ademais de ser a alcaldesa dos “últimos aparcadoiros feitos en Vigo ou dos Máis que auga”.
 
Así mesmo, a popular destacou o esforzo sen descanso por Vigo de todos, desde o goberno e desde a oposición, facendo honra ao lema de “cidade leal, fiel, valerosa e sempre benéfica”, e avogou por “seguir traballando para volver gobernar Vigo e levalo ao século XXI”.
 

“A política deste partido é que ten partido e ten historia”

 
Neste marco, Ana Pastor indicou que “a política deste partido é que ten partido, ten historia e ten xente que suma e dá a cara”, motivo polo que apostou porque España volva ter un goberno do PP, e Vigo unha alcaldesa do PP, “traballadora e non populista”.
 
Pastor lembrou que xa en 2016 alertara de que “a alternativa a un goberno do PP era un goberno de 5 ou 6”, como sucede agora co executivo de Sánchez, “apoiado por independentistas, separatistas, proetarras e comunistas”, motivo polo que avogou por “traballar para que goberne o PP e para que Elena sexa a próxima alcaldesa”.
 
“Se o conseguimos, traeremos un novo proxecto para Vigo, como xa fixemos coa Estación do AVE, coa nova Depuradora, cos 800 millóns investidos no Eixo Atlántico, coa Avenida de Madrid ou coa redución da peaxe da AP-9 á metade”, relatou.
 

“A quen agora temen, cando non estea non lle terán respecto”

 
Pola súa banda, o presidente provincial, Alfonso Rueda, referiuse aos todos os presentes como “os representantes dunha época que nunca debeu perderse, a de saber mirar cara a fóra para conseguir cousas”. “A xente tenvos agarimo e recoñécevos pola rúa”, detallou, “en particular a Corina e a Manolo”; “e a quen agora teñen medo, cando non estea non lle terán respecto”.
 
Neste contexto, Alfonso Rueda convidou a todos a esforzarse para obter “un bo resultado en abril e un bo resultado en maio, porque a Vigo non lle vai a ir igual cun goberno do PSOE que cun goberno do PP”. “Fronte á soberbia e ao desprezo do adversario, aproveitemos o noso carácter e o noso equipo”, concluíu.