O PP impide manter activos os dous médicos de Rubiá

Publicado por o día 17/10/2018 na sección de Política,PSOE

O PP impide manter activos os dous médicos de Rubiá

A deputada socialista Noela Blanco lamentou hoxe o voto en contra do PP a unha proposta socialista para manter as dúas prazas de médico no Centro de Saúde de Rubiá. A responsable socialista levou esta proposta á Comisión de Sanidade logo de constatar que o goberno galego aproveitou a xubilación dun dos facultativos da localidade no pasado mes de agosto para amortizar a súa praza.

Blanco apuntou que as dúas prazas para unha localidade con preto de 1.500 habitantes, e catro de cada dez por enriba dos 65 anos, “non é un capricho, é unha necesidade nun Concello cunha poboación moi envellecida e que ademais conta cunha Residencia de Maiores”. Sinala que a polémica decisión da Xunta provocará “unha perda de calidade no servizo, provocada por unha sobrecara de traballo e merma na atención aos pacientes”.

Ademais, apuntou que o PP está a “desautorizar” ao seu propio alcalde, quen declaraba recentemente que “esperemos que se cubra” a praza, pero que evidencian que a ansia de recortar servizos os leva a que “nin sequera escoitan nin aos seus”.

A desaparición deste médico fai que a atención sanitaria sexa “a todas luces insuficiente para cubrir as necesidades dun sistema que precisa dunha dispersión notoria e unha forte implantación no territorio”.

Estes recortes “prexudican claramente á calidade asistencial do sistema, deixando a moitos centros “sen persoal suficiente, que deben deixar desatendidos os centros porque teñen que saír a atender urxencias ou sufrindo saturación provocada pola errática planificación do goberno”.

Valdeorras existe

Noela Blanco lembroulle ao PP e ao goberno galego que “Valdeorras existe”, logo de apuntar o esquecemento e falla de atención á que someten a esta comarca ourensá. Fixo alusión así á recente sentenza do Contencioso – Administrativo de Ourense, que “tivo que lembrarlle á Xunta de Galicia que de Ourense ao Barco non hai 20 minutos, senón hora e media de traxecto plan N-120”.

Así o fixo na recente sentenza contra a decisión do Sergas de obrigar a médicos residentes en Ourense a cubrir gardas en Valdeorras pagándoas como localizadas, unha modalidade que obriga aos médicos a presentarse en 20 minutos dende o aviso. Estas gardas obrigan aos médicos a permanecer continuamente no Barco, a máis de 100 quilómetros, recoñecéndoas como gardas “presenciais”, que é o que eran na práctica.