O PP impide que a Xunta cumpra co Pacto Local e asuma o custe do mantemento dos centros de Primaria

Publicado por o día 20/09/2018 na sección de Política,PSOE

O PP impide que a Xunta cumpra co Pacto Local e asuma o custe do mantemento dos centros de Primaria

A portavoz de Facenda e Política Local do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou o veto do PP, hoxe en Comisión, a unha proposición non de Lei para pedirlle á Xunta que asuma os custes de mantemento dos centros de Primaria. A responsable socialista explicou que estes gastos correspóndenlle ao goberno galego de acordo co Pacto Local asinado en 2006.

Rodríguez Rumbo acusou ao PP de eludir esta obriga dende a chegada de Feijóo á Xunta en 2009, obrigando aos concellos a “facerse cargo de competencias propias e impropias” porque “non van deixar veciños sen atender”, asumindo custes que “non lles corresponden porque non teñen competencia”. A responsable socialista presentou as demandas da Fegamp “no momento en que temos que comezar a debater os Orzamentos”.

Acusou ao presidente da Xunta de ter paralizado o Pacto Local dende a súa chegada ao goberno galego, freando o incremento obrigado dos orzamentos para o Fondo de Cooperación Local. Este pasou dun incremento continuado co goberno de Touriño ata os 119 millóns de 2008 á conxelación e redución ata os 112 en 2018.

Apuntou que o goberno galego a día de hoxe tan só asume os custes de calefacción, mentres os concellos teñen que asumir os gastos de conserxería, limpeza e mantemento das instalacións, cando o Pacto Local fixaba por Lei que a Xunta debera de asumir a xestión dos centros de saúde e os custes de mantemento dos centros de Primaria.