O PP négase a estudar a fórmula máis axeitada para que a atención sanitaria en Povisa sexa asumida polo Sergas

A deputada do Grupo Común da Esquerda, Eva Solla, defendeu unha iniciativa para que se estude a expropiación ou a compra do hospital
Publicado por o día 10/10/2019 na sección de Galicia,Grupo Común da Esquerda,Política,Vigo

O PP négase a estudar a fórmula máis axeitada para que a atención sanitaria en Povisa sexa asumida polo Sergas

Os votos en contra do Partido Popular impediron este xoves que a Xunta estude a fórmula administrativa máis axeitada para que a atención sanitaria en Povisa sexa asumida polo Sergas. A deputada do Grupo Común da Esquerda, Eva Solla, defendeu unha iniciativa na Comisión de Sanidade para que se estude a expropiación ou a compra do hospital. “Reclamamos á Xunta que estude a fórmula administrativa máis axeitada e favorable para asumir a atención sanitaria en Povisa, mantendo os postos de traballo e mellorando as condicións laborais”, esixiu Solla.

“Entendemos que hai dúas posibilidades, a expropiación, entendendo que hai un interese que ampara a lei española para garantir a atención sanitaria, ou a compra”, incidiu, aínda que tamén apuntou que “agora probablemente reducíronse as opcións e a Xunta non poida acometer máis que a compra. Tería sido máis fácil o ano pasado co valor que tiña a empresa antes de entar en preconcurso de acredores”.

Para a deputada, -que lembrou a pregunta dirixida ao conselleiro de Sanidade sobre esta cuestión no pasado Pleno, ante a que “eramos pouco optimistas de ter unha resposta que xustificase o saneamento da empresa con cartos públicos para conseguir a súa posterior venda, e non errabamos”-, a administración “ten que negociar cos sindicatos a partida relacionada coa asunción administrativa dos traballadores. Levan padecendo desde 2010 unhas condicións laborais moito peores que as do Sergas”. Desta maneira, criticou a situación que leva vivindo o persoal de Povisa dende a conxelación do convenio colectivo en 2010, que “supuxo para eles recortes horarios e perda de capacidade adquisitva”, lembrando as mobilizacións que levaron a cabo e afeando a actitude da empresa, que actúa “como un tratante de escravos”.

“Os traballadores sempre pagaron e pagan tamén con esta venda as 140.000 persoas que teñen a súa atención alí, que non é certo que teñan onde ser atendidas, porque é obvio que o Hospital Álvaro Cunqueiro e outros centros non poden asumir un nivel tan elevado de cartillas. Por iso nós criticamos o recorte de 500 camas no Hospital Álvaro Cunqueiro e a reestruturación de servizos que tamén supuxo recortes no Meixoeiro e no Nicolás Peña”, incidiu Eva Solla. “Nunha situación de precariedade absoluta para os profesionais non se pode obviar que aquí hai un concerto singular e a Xunta non é un mero convidado de pedra nunha venda coma esta, o que aconteza na empresa non é totalmente externo á consellería de Sanidade. A Xunta debe asumir a xestión sanitara dos veciños e veciñas da comarca”, engadiu.

Eva Solla tamén fixo un repaso polas contas da empresa e o proceso de compra, lembrando que “este non era o primeiro intento de compra de Povisa por parte de Ribera Salud. Xa o pasado ano, cando a empresa manifestou a intención de entrar en preconcurso de acredores, diciamos que non tiña sentido esta medida cos 836 millóns de euros facturados polo holding do que forma parte”. Así, lamentou a opacidade coa que se actuou porque “solicitamos á Xunta as contas e non nolas facilitou, tamén as solicitamos no rexsitro e non estaban depositadas, denunciamos a empresa e non se lle castigou”. Ademais, concluíu que a renegociación do concerto que lle outorgou máis ingresos a Povisa supuxo “un sanemaento por parte da consellería de Sanidade dunha empresa que era consciente que ía vender a outra o hospital”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.