O PP négase a incluír requisitos a favor da igualdade nas empresas que contraten coa Xunta

Por o 12/03/2019 | Sección: Política,PSOE
O PP négase a incluír requisitos a favor da igualdade nas empresas que contraten coa Xunta

A portavoz de Traballo do Grupo Socialista, Patricia Otero, lamentou hoxe o veto do PP a unha moción socialista que lle reclamaba á Xunta que incorporara obrigas a favor da igualdade laboral nas empresas que contraten con ela. A responsable socialista criticou a “hipocresía política” do PP e do goberno galego de anunciar medidas a favor da igualdade salarial mentres as recortan nos orzamentos.

Otero sinalou así que o goberno galego teña eliminado en 10 anos 4 de cada 5 euros destinados á Igualdade, Protección e Promoción da Muller, que pasou de 33,55 millóns de euros co goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño a apenas 7,36 nos orzamentos de 2019. Ademais, dos 5 millóns de euros que había destinados á Conciliación en 2009, hoxe só quedan nos orzamentos 1,62.

Criticou que o goberno galego “non fai os deberes” na loita contra a fenda salarial mentres se dedican a criticar os “venres sociais” do Consello de Ministros, que veñen de ser ratificados pola Xunta Electoral Central ao desbotar a denuncia presentada polo PP. Lembrou as medidas aprobadas neste mesmo mes, para a igualdade de trato no traballo, a ampliación dos permisos de paternidade, a reforma do Estatuto dos Traballadores ou de loita contra a precariedade.

Otero contrastou o impulso regulamentario do goberno central coa pasividade do Executivo de Feijóo, que ten situado a Galicia como a Comunidade Autónoma peor situada en materia de fenda salarial. De acordo cos datos do informe sobre Fenda Salarial e Teito de Cristal elaborado polo colectivo de técnicos de Facenda, Galicia tardaría 615 anos en suprimir a fenda salarial, fronte á media estatal de 87 anos.

Os socialistas reclamaron hoxe que se garantan medidas de igualdade nas empresas beneficiarias de subvencións, a constitución dunha mesa de traballo entre patronal e sindicatos para a conciliación horaria. Tamén inclúe a petición dun informe do Consello Galego de Relacións Laborais sobre as medidas a introducir na negociación colectiva para favorecer a igualdade e a redución da fenda salarial.

A responsable socialista pediulle ao goberno galego que realice unha composición equilibrada dos consellos de administración das empresas públicas, e que presente un informe anual para dar conta da execución e avaliación das medidas adoptadas a favor da igualdade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.